IGREXA DE SANTO ANDRÉ, ZAS

A igrexa parroquial de Santo André de Zas está situada ó norte do que debeu ser o lugar orixinario de Zas –o máis achegado ó río- e ó sur do novo núcleo urbano que se formou en torno á estrada de Santiago a Baio,...


... onde se construiría a CASA DO CONCELLO en 1950.


Presenta planta de salón, formada por unha capela maior cuadrangular (4 m de lado) e unha nave rectangular (11 x 5 m). Acaroada ó muro norte do presbiterio abriuse unha sancristía (4,5 x 2,5 m), e ó muro da nave do mesmo lado unha capela rectangular (5 x 3,5 m) dedicada á Virxe do Carme.


Esta igrexa foi construída de nova planta por volta do ano 1540, a xulgar pola inscrición do sartego pétreo do seu patrono e presenteiro Álvaro Nunez (ou Núñez) de Lamas, incrustado na parte interior do muro sur do presbiterio. Á súa morte (1543) os seus herdeiros mandarían facer dúas tumbas de pedra, unha para el e outra para a súa nai. En tempos pasados consta que os dous sartegos estiveron arrimados ás paredes norte (a do fundador) e sur (a da nai). 



Hoxe vemos que o primeiro está incrustado case por completo na parede sur; e o segundo sartego trasladárono ó exterior no transcurso dalgunhas das obras de épocas pasadas; durante anos estivo sobre un dos panteóns do cemiterio, pero desde hai polo menos arredor de trinta anos situouse sobre un mesado acaroado á parede norte da nave.



Presenta unha estrutura semellante ó primeiro: dous escudos nobiliarios coas armas dos Lamas e dos Castro que flanquean unha inscrición no corpo central.


AQVI JACE LA MVI NOBLE SEÑORA COS/TANÇA LOPEZ DE LAMAS SV MADRE / Q[VE] MORIO ERA 1504 DIA DE NRA S[EÑORA] D AGSTO [agosto]


Ademais dos sartegos fidalgos, da obra primitiva de mediados do séc. XVI aínda nos quedan certos vestixios: o ciclópeo arco triunfal, lixeiramente apuntado, e os arrinques dos nervios dunha bóveda desaparecida. Entre 1618 e 1620 parece ser que se ergueu de nova planta a capela maior, a partir das trazas que deu Jácome Fernández o Vello, mestre de obras da catedral de Santiago. En 1798 abrírase no primeiro tramo do muro norte da nave a capela da Virxe do Carme. Durante o séc. XIX realizáronse importantes obras: a fachada entre 1815 e 1817; a sancristía en 1838; en 1848 houbo que reconstruír por completo a parede sur.


A esvelta TORRE-CAMPANARIO actual é relativamente moderna, pois construíuse entre 1890 e 1893.


No interior do templo atopanse dous valiosos retablos: o maior e o da capela da Virxe do Carme, realizado en pedra.

No lado dereito da fachada, á altura da xanela rectangular, descóbrese un ESCUDO DA FAMILIA DOS LAMAS ennobrecendo todo o conxunto, e formado por catro cuarteis: 'no primeiro un castelo coa súa porta e almenas e dous cans; no cuartel arriba que se segue, unha man cun piñeiro asido; e nos de abaixo, seis roeles e cinco lanzas con tres follas de figueira ao pé, que din ser as armas dos Lamas e os Castros'.



Tamén observase coroando o muro lateral dereito, un bonito RELOXO DE PEDRA.



Xunto o templo conservase o monumental cruceiro do adro (1852-57), tamén chamado CRUCEIRO DO CARME, pois con anterioridade estivo situado no Campo do Carme, onde se atopa a Casa do Concello e onde se celebra a festa desta advocación da Virxe. Desde hai anos trasladouse á zona sueste do adro parroquial, entre o presbiterio da igrexa e os panteóns.


Ten unha elegante plataforma de cinco chanzos ou gradas -que na parte oeste leva acaroada unha mesa de altar- e un groso pedestal prismático que leva nas catro caras cadansúa inscrición, nas que se pode ler con moita dificultade: “SE HIZO SIENDO CURA D. DOMINGO RAFAEL BLANCO AÑO 1856”.






O esvelto fuste ou varal do cruceiro remata nun capitel moi sinxelo no que se asenta unha cruz semiarbórea de sección circular, que presenta no lado oeste un Cristo crucificado con tres cravos, sen suppedaneum e co títulus en disposición vertical. Xesús parece ter os ollos fechados, aínda que o seu rostro aparenta serenidade; o torso é bastante ancho e nel transparéntanse as formas anatómicas; as extremidades son robustas; o pano de pureza é amplo e suxéitase ó corpo cun nó feito co propio pano.


No lado leste a figura da Virxe do Carme, co neno no colo, sobre un trono de nubes; viste o hábito dos carmelitas, no que se forman abundantes dobras que provocan un xogo de luces e sombras. En aparencia as figuras parecen de estilo barroco, pero a época (mediados do séc. XIX) xa non casa, pois é moi tardía. Explícase porque o seu autor, F. Rodeiro , caracterizábase por ter a habelencia de ser quen a imitar obras da centuria anterior, aplicando case á perfección receitas do estilo barroco.


Como noutras igrexas do rural galego, aparece dentro do recinto do adro un curioso CEMITERIO, formando un conxunto onde conviven a parroquia dos mortos e a parroquia dos vivos.














No exterior do adro levántase, xunto a un pequeno hórreo, outro cruceiro sen imaxes cun bo estado de conservación.






INFORMACIÓN RECOLLIDA DAS SEGUINTES LIGAZÓNS




VISITA OUTROS SORPRENDENTES LUGARES DO CONCELLO DE ZAS NESTA LIGAZÓN, CUN UN MAPA PARA CHEGAR A CADA UN DELES.

No hay comentarios:

Publicar un comentario