A igrexa de Ouzande é moi popular en Galicia grazas aos debuxos de Castelao.
Ouzande antigamente chamábase Ausande, que en latín vulgar significa alá, andando ata máis adiante. O mesmo que acostumaba facer nos primeiros anos do século XX, o xove Castelao, coa que posteriormente sería a súa muller Virxinia Pereira, , cando ían de paseo dende A Estrada ata Ouzande. Gustáballe moito o cruceiro, a igrexa, e a sua CRUZ CUMIAL, cuxa peculiaridade está na tipoloxía da cruz.
Do ano 1362 é un escrito polo que dona Aldonza Fernández de Churruchao doa ao MOSTEIRO DE ACIBEIRO "toda cuanta herdade et chantado eu ey enna freigesia de San Lourenço Douciente, a cual herdade chaman dorrego". Máis tarde, ao redor de 1574, aparecen documentos nos que a Ouzande se lle denomina Uçande e tamén aparece como vila de Ausinda. Xa no século XVII identifícase Ouzande con San Lorenço de Beande.
SAN LOURENZO DE OUZANDE é unha igrexa que conserva fermosas mostras da súa orixe románica, aínda que coma todas as do concello, foi modificada en parte. O máis salientable da construcción de mediados do século XII é, a súa ÁBSIDA semicircular orientada ao leste, seguindo a ortodoxia das igrexas católicas, apreciamos dende o exterior que está apoiada sobre tres bancos, estando o inferior paralmente soterrado. Esta (a diferenza das outras tres igrexas de ábsida semicircular da comarca), non ten nin columnas acaroadas ao tambor, nin contrafortes na porción rectangular. Estas ausencias non constitúen un elemento orixinal diferenciador, xa que desapareceron, seguramente, por mor duna reedificación e reparación.
Enriba da seteira, escorado un pouco á esquerda, distinguimos o ESCUDO DO MARQUÉS DE SANTA CRUZ que tivo, durante moito tempo, a prebenda de presentar crego (as presentacións rematan coa chegada do Concilio Vaticano II).
Sen dúbida, o máis interesante da ábsida é o seu aleiro con chafrán enfeitado con bólas e sostido por unha magnífica e variada colección de CANZORROS moi choqueiros.
De de Sur a Norte, obsérvanse: un non identificado, xa que queda practicamente oculto pola dependencia engadida posteriormente; unha figura humana sentada tocando viola; dous canecillos en forma de gola, de factura moderna;…
…cabeza zoomorfa con pequenos cornos e chiva;…
… dous cuadrúpedos unidos e situados sobre outros dous, que se mesturan
con decoración de entrelazos;…
… un contorsionista en posición inversa;…
...cabeza de bóvido con cornos e pescozo con pliegues;…
… cabeza zoomórfica que leva as gadoupas ou pezuñas á boca;…
… unha folla picuda acanalada, decorada mediante unha sucesión de
pequenas bólas e rematada nunha gran poma;…
… en curva de nacela, acanalada e decorada con pequenas bólas;…
… un moi deteriorado, que representaría unha figura humana;…
… un personaxe barbado e sentado, coas mans apoiadas sobre os xeonllos;…
… unha figura suxeitando un falo entre as súas mans;…
… dous de tema xeométrico, de factura moderna; e, finalmente, unha folla picuda, avolutada e acanalada, con decoración de pequenas bólas.
No cumio do tellado, cara ao poñente, ten o AGNUS DEI portando no lombo unha cruz de palmas ou de oito puntas. Esta cruz é de tradición hispánica, utilizada polos hispanovisigodos, é unha cruz que pertence ao grupo das patadas e é característica de Asturias. Castelao gustaba de chamarlle ás cruces que se erguen no cumio das igrexas, ás cruces antefixas, ás fillas ou netas, pola súa feitura, das irlandesas e escocesas, cruces cumiaes. Un carneiro portador dunha cruz está no piñón do muro do testeiro da nave de San Lourenzo. O tema do Agnus Dei, tan representado na miniatura mozárabe, está moi difundido no noso románico. O Agnus Dei, o Año de Deus ou Año Pascual, Xesucristo, aparece degolado porque foi inmolado e á vez en pé porque foi resucitado. Cristo é comparado constantemente ao longo da Biblia cun año, animal frecuentemente empregado nas ofrendas a Iavéh, é símbolo de bondade e de mansedume. Cristo como fillo de Deus acata con docilidade os mandatos do Pai, que lle ordena morrer para "quitar os pecados do mundo".
E o sol agoniante ven a encravarse na cruz, abrindo os marelos brazos como o Salvador Xesús. Luis Amado Carballo |
No interior da ábsida hai dous arcos, un triunfal e outro perpiaño ou
faixón, que está paralelo ao triunfal. Ámbolos dous son arcos de medio punto,
algo peraltados (característica do románico compostelá) e cunha lixeira
tendencia á ferradura, sobre todo o triunfal.
Rodea ao arco triunfal unha dobre arquivolta. Unha interior tórica e outra exterior con chambrana dunha fila de billetes que empeza sendo, no arranque setentrional, de tacos.
Este arco apóiase sobre dúas columnas, con fuste de cinco semitambores, coas bases de perfil ático destacando a súa decoración con flores tetrapétalas enmarcadas nun círculo.
O capitel setentrional
amósanos unha especie de volutas ou pencas con entrelazos.
O arco faixón apóiase,
asemade, sobre dúas columnas, con fuste de cinco semitambores. Os plintos están
soterrados. Os capiteis son vexetais.
Unindo tódolos ábacos hai unha
imposta de billetes que percorre todo o presbiterio chegando aos muros laterais
da nave.
A seteira simple sita na parte
central está enmarcada cunha arquivolta semicircular, apoiada sobre dúas
columnas de fuste monolítico e con capiteis vexetais. No medio das columnas,
presidindo a cabeceira, está o patrón de Ouzande, San Lourenzo.
"Aí vén San Lourenzo co seu caldeiriño penzo". |
Mencionar a existencia dunha pila bautismal de tradición románica, que se sitúa no exterior do templo, baixo o pórtico da fachada norte.
A copa é circular, de tipo troncocónico investido, e o fuste, cilíndrico e liso. Mide 81 cm de alto (48,5 cm a copa) e 74 cm de ancho.
Tamén no exterior, nas proximidades da ábsida, consérvase unha lápida decorada con tres pares de ferraduras.
No adro da igrexa, diante da porta principal, elévase un CRUCEIRO con plataforma de cinco chanzos cadrados, pedestal cúbico con dúas "gorxas".
O Fuste de sección octogonal, moi delgado, amosa dúas imaxes no anverso: San Lourenzo no lado superior e San Bartolomeu no lado inferior.
O pequeño capitel adórnase con volutas.
Sobre este unha cruz latina de sección cadrada, con bordes rombos. Anverso, Cristo crucificado coa testa virada á dereita;...
...reverso, Nosa Señora das Angustias.
Ten uns cinco metros de altura, unha inscrición ilexible no pedestal, e
sábese que foi encargado a un canteiro de San Martiño de Sabrán (Vilaxoán) por
Bartolomé Gómez de Pardiñas, e primeiramente levantábase detrás da igrexa, onde
agora levántase outro.
Chaman a atención tamén dous farois moi fermosos que están construídos no
adro da igrexa, coas pedras dos muíños e as columnas dos alpendres de Codeseda.
Á dereita do templo vemos o CEMITERIO parroquial, onde destacan unhas
fermosas cruces. Sábese que sobre da porta do cemiterio se lía gravado nunha
pedra: "Como me ves te verás en
breve" R.I.P. 1848". Hoxe non se encontra alí.
Como curiosidade, á FONTE DO SAN LOURENZO, patrón da parroquia,
levaban os veciños a imaxe do santo cando non chovía, polo camiño íanlle
pregando con oracións para que lles mandase auga, para o cal lle lavaban os pés
na auga da fonte.
Así mesmo, na parroquia atopouse unha Estela Funeraria Galaico Romana,
hoxe conservada no Museo de Pontevedra.
Finalmente, cabe mencionar que a festa do santo patrón San Lourenzo celebrábase o día 10 de agosto e cambiárona para o segundo Domingo do mesmo mes, celebrando tamén festa o sábado anterior. Actualmente a "Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande" (que debe o seu nome á fervenza que baixa polo medio da aldea, e que constitúe un contomo paisaxístico e arquitectónico, 6 muíños e un pozo, no que se está a traballar na súa recuperación), e a Xunta Parroquial organizan o festival de música tradicional "Músicas da Terra".
FALTRIQUEIRA - Adios (Ouzande '07 Musicas da terra live) from Faltri Astur on Vimeo.
INFORMACIÓN RECOLLIDA DAS SEGUINTES LIGAZÓNS https://www.tabeirosmontes.com/ouzande-san-lourenzo.html
http://turismo.aestrada.gal/?page_id=1159
https://www.romanicodigital.com/sites/default/files/pdfs/files/pontevedra_Ouzande.pdf
VISITA OUTROS SORPRENDENTES LUGARES DO MUNICIPIO DA ESTRADA NESTA LIGAZÓN,
CUN MAPA
PARA CHEGAR A CADA UN DELES.
No hay comentarios:
Publicar un comentario