CAMPO DA FEIRA, CASTROVERDE

As casetas de feira, tamén coñecidas como PENDELLOS, son patrimonio da nosa arquitectura popular. En moitos concellos do interior da Galicia aínda se conservan e se manteñen en uso, como é o caso deste municipio de Castroverde.

Este recinto feiral, despois dunha magnífica restauración das súas monumentais reas de pendellos, e grazas a labor dos Amigos do Patrimonio de Castroverde, xa que estaban todos caídos, esmendrellados, foi inaugurado o día 27 de agosto do ano 2006.

Situado nun fermoso enclave, o mercado de Castroverde atópase entre as feiras con maior encanto de Lugo. Nela destacan os postos de roupa, alimentos, ferramentas e polvo. Ademais, un domingo da última quincena de Agosto, Castroverde celebra a súa FEIRA DE ARTESANÍA E GASTRONOMÍA, un evento para desfrutar das tradicións, dos oficios de sempre: o cesteiro, o oleiro, o panadeiro, a teceira, etc. Durante todo o día os asistentes poden ver aos artesáns traballar e mesmo animarse a probar coa olería, a cestaría ou a confección de instrumentos musicais. Ademáis contará con degustacións gastronómicas de razas autóctonas, música, espectáculos de maxia, desfile de moda e una Concentración de Motos e Coches Clásicos. Esta feira é todo un acontecemento.

A poboación dispersa, característica propia non só da comarca senón de todo o país, deu na necesidade da xuntanza periódica para a realización de transaccións comerciais entre labregos dunhas e doutras aldeas. Así naceron os campos das feiras, que aproveitaron espazos ao aire libre situados no centro das vilas ou en zonas próximas a unha localidade importante.  Coa intención de amosar o gando criado, escolléronse espazos arborados como as carballeiras e para resgardar a mercadoría da intemperie e as inclemencias climáticas  foi polo que se construíron as casetas que singularizan os campos das feiras de concellos como este.

As zonas arboradas e preferibelmente as carballeiras foron o lugar no que se instalaron os campos das feiras. Isto foi porque os mercados, na maior parte dos casos, desenvolvéronse arredor das transaccións de gando, sobre todo vacún e porcino, aínda que tamén se vendía gando ovino, caprino, cabalar ou avícola. Pero a poboación luguesa non só é e foi gandeira, nos campos da feira tamén se comerciou, e comérciase, con apeiros de labranza, produtos alimenticios, teas, roupas e calzado, olaría...

As feiras tradicionais da provincia excederon sempre a súa función económica, pois foron e son importantísimas para a vida social, para a reunión e a diversión das xentes do medio rural, que en moitos casos só rompían o seu illamento nas festas parroquiais, nas romarías e nas feiras. Ás feiras non só concorrían compradores e vendedores, senón tamén artistas, músicos, ladróns, curiosos, paseantes e xentes de todo tipo. 

Hoxe en día estas feiras mantéñense, aínda que non en todos os casos os pendellos tradicionais seguen en pé. Os concellos de Chantada; Friol, Pendellos da antiga feira de Cotá; e campo de Guimarei, onde se conservan pendellos e construcións ao seu redor; Guitiriz, campo da feira de Parga; O Páramo, a CARBALLEIRA E CAMPO DA FEIRA; e Castroverde (ligazóns as nosas publicacións), son uns dos territorios lucenses que manteñen conservados con maior ou menor fortuna, e nalgúns casos, en uso os seus pendellos.

CARBALLEIRA E CAMPO DA FEIRA, O PÁRAMO

Nós, na provincia da Coruña, aínda lembramos o ANTIGO RECINTO FEIRAL DE MOECHE;...


... na de Ourense, os de SAN MAMEDE DE MOLDES;...


... e na de Pontevedra, os fermosos PENDELLOS DE AGOLADA (ligazóns a nosas publicacións).

Manuel Caamaño, no seu libro: “Galicia, as construcións da arquitectura popular” define a os pendellos como "edificacións a xeito de alpendre, construcións rústicas de planta rectangular cun longo que podía ir dos 8 aos 20 metros e un ancho de entre 2 e 4. Estas edificacións fixas estaban, ademais, rematadas en cuberta lousada ou tellada, a unha ou dúas vertentes, sobre estrutura de madeira, na maior parte dos casos de castiñeiro ou carballo". Feita así a definición do pendello, cómpre engadir que dispoñen tamén de dous bancos, un na fronte e outro no fondo, que se empregan para expor e almacenar a mercadoría e, como todo o resto do pendello, están fabricados basicamente con dous tipos de minerais: o granito e o xisto.

Por último, a asociación Terras de Lugo, que engloba os concellos da comarca, elaborou na primeira década deste século o proxecto 'RUTA DAS FEIRAS', un ambicioso plan que tiña como finalidade a creación dun roteiro que unise todos os campos das feiras. Esta ruta de máis de 150 km e unha vintena de puntos de interese ligaba así os concellos de Castroverde, O Corgo, Guntín, Friol, a zona rural de Lugo, Outeiro de Rei e Rábade (ligazóns as nosas publicacións), lugares todos eles con campos de feira dotados de edificacións fixas ou pendellos.

TODA A INFORMACIÓN INCLUÍDA NESTA PUBLICACIÓN, FOI RECOLLIDA DAS SEGUINTES LIGAZÓNS:

https://concellodecastroverde.gal/eventos-festas-e-feiras/calendario-de-feiras/

https://feiraartesaniacastroverde.com/

https://amigosdopatrimoniodecastroverde.gal/planos-dos-roteiros1/

https://www.campogalego.gal/os-oficios-tradicionais-protagonistas-o-25-en-castroverde-na-feira-de-artesania/

https://www.nosdiario.gal/articulo/cultura/pendellos-como-patrimonio-popular/20200828112859103893.html

VISITA OUTROS SORPRENDENTES LUGARES DO MUNICIPIO DE CASTROVERDE NA LIGAZÓN, CUN MAPA PARA CHEGAR A CADA UN DELES.

2 comentarios: