CARBALLEIRA E CAMPO DA FEIRA, O PÁRAMO

 

Este concello, descoñecido para turistas, esconde marabillosas sorpresas naturais e patrimoniais, como a Carballeira do Campo da Feira, un fermoso lugar de gran importancia ecolóxica e cultural para o disfrute dos veciños e visitantes.

Conta cunha extensión de máis de sete hectáreas, dotadas con numerosas mesas e bancos acubilladas baixo as copas de centenarios carballos, onde gozar dun pracenteiro día ao aire libre, e da maxia que teñen as carballeiras.

Neste sorprendente entorno natural aínda consérvanse os vellos “PENDELLOS”, onde tódolos 10 e 25 de cada mes, póñense os postos da feira.


No “Libro do Páramo” (Manuel Rodríguez López) dise: “No campo da feira había cinco reas de pendellos de arriba a abaixo do campo. O día de feira viña moita xente de fóra. Era un feirón. Neles había tendas de tecidos, toda clase de ferramentas, productos do campo e incluso consultaba alí o médico. Había de todo. O ferreiro ferraba as mulas que viñan con grandes fardos, pois daquela non había coches. Vendíanse coleiros, megos e cestas feitas de costelas de carballo para as castañas, que abundaban moito e comíanse de moitas maneiras. Tamén se vendían xugos, carros, arados, zocos, paraugas, rosarios, toda clase de quincalladas e cerámica que os tratantes traían de fóra. Houbo moitas outras clases de artesáns”.


Agora só quedan tres daquelas cinco reas de Pendellos, fermosas e antigas construcións en pedra e madeira, auténtico patrimonio etnográfico e testemuñas dende hai séculos de milleiros de transaccións comerciais e da vida deste pobo, e esperemos que conserven por moitos anos máis a súa función.

Veñen á miña memoria entre outros: OS PENDELLOS DE AGOLADA (ligazón á nosa publicación) escenario durante 224 anos dunha das máis afamadas e concorridas feiras do interior de Galicia, e o máis extenso mercado antigo de feira de Europa.

O ANTIGO RECINTO FEIRAL DE MOECHE (ligazón á nosa publicación).

Os PENDELLOS DE A GOUXA, aldea de Dozón na que celebran todos os días 11 e 23 de cada mes, feiras de gran eco e tradición, onde se degusta unha estupenda “Carne ó Caldeiro”.

E por último os de SAN MAMEDE DE MOLDES (ligazón á nosa publicación)

En Xuño teñen lugar as festas anuais coñecidas como FEIRAS DA PRIMAVERA, as cales son pioneiras en Galicia, de gran arraigamento cultural, artístico e gastronómico, e que son organizadas pola Asociación de Amigos do Campo da Feira. Nacen no ano 1976 da mán de Jesús Méndez López, e mantéñense ata actualidade, sendo o día 10 festivo local. Nelas podemos aproveitar dunha gran exposición de maquinaria agrícola, exposición de gando vacún, canina, cabalar, e de productos artesanais e típicos da zona; tamén podemos degustar productos típicos e polbo. Pola noite tamén se pode disfrutar da verbena.

Moi preto do espazo reservado para a exposición dos animais na feira, vemos esta curiosa e divertida sinalización.

Durante a Segunda República recoñecidos políticos do momento deron mitins políticos no Campo da Feira. O máis soado foi o de RAMÓN OTERO PEDRAYO que subiuse a un estrado sobre varias cubas de viño. Hoxe, no centro da carballeira, érguese un impoñente e moderno PALCO DA MÚSICA, para dar cabida a música e tamén a palabra.

Ademais de albergar o 'BANCO PEREGRINO', obra realizada en madeira de castiñeiro polo escultor de Pantón Eugenio Linares, coa que búscase poñer en valor "a tradición xacobea" do municipio. A peza consta dun peregrino duns dous metros de altura, o nome do Páramo e un bufo, como símbolo da sabedoría e a natureza da contorna.


Dende o sinxelo CRUCEIRO que hai na carballeira, parte o primeiro roteiro de sendeirismo oficial do concello. É a RUTA DA TORRE DA BARREIRA, interesante percorrido duns dous quilómetros que transcorre por un antigo paso de gando, rematando na torre medieval da Barreira, onde aínda quedan restos desta fortificación. Esta non é a única senda que se pode percorrer no concello.




Ao redor do Campo dá Feira o concello foi construíndo distintos edificios públicos que pasaron a constituír un novo núcleo co nome de O Páramo, e finalmente no ano 2006 o concello mudou a capital a este lugar.

Para rematar, un mural lémbranos que, no 2014 o grupo “Páramo Pictures” rodou neste lugar o videoclip da famosa canción “A Bertoliña”, converténdose no vídeo musical en galego máis visto da historia.


TODA A INFORMACIÓN INCLUÍDA NESTA PUBLICACIÓN, FOI RECOLLIDA NAS SEGUINTES LIGAZÓNS:

http://www.concellodeparamo.es/portal_localweb/p_156_contenedor1_ayto_paramo.jsp?seccion=s_fdes_d4_v2.jsp&codbusqueda=352&language=gl&codResi=8&codMenuPN=407&codMenu=404&layout=p_156_contenedor1_ayto_paramo.jsp&layout=p_156_contenedor1_ayto_paramo.jsp&level=1

http://www.concellodeparamo.es/portal_localweb/RecursosWeb/DOCUMENTOS/8/0_5791_1.pdf

https://es.wikipedia.org/wiki/Villarmosteiro

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/o-paramo/2022/04/22/descubrir-paramo-concello-facil-visitar-huellas-romanico-pies-rio-mino/00031650639544306211189.htm

https://www.elprogreso.es/articulo/sarria/ayuntamiento-paramo-estrena-campo-feria-banco-peregrino/202012082238091474428.html

https://www.galiciadigital.com/opinion/opinion.3659.php

VISITA OUTROS SORPRENDENTES LUGARES DO MUNICIPIO DO PÁRAMO NA LIGAZÓN, CUN MAPA PARA CHEGAR A CADA UN DELES.

2 comentarios:

  1. Me encantó tu reportaje de hoy, en algunas de esas ferias estuve con mi marido hace muchos años. En la Virgen de la Saleta también lo hay. Besos.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Aunque ahora las ferias, en la mayoría de los casos, ya no son como antes, todavía tienen su encanto.
      Sobre la Virgen de la Saleta, hemos estado en la zona y pensaba que tenía hecha la publicación, pero parece que todavía no, aunque a mi me suena mucho que ya la había terminado. Saludos Teresa!

      Eliminar