Esta é unha pequena e sinxela capela dedicada á Virxe de Belén, unha das denominadas por Cardeso Liñares “Virxes do Nadal”, xunto á Virxe da Expectación e a do Leite. A súa iconografía non é uniforme, ben aparece como Epifanía e outras como Virxe Nai. A historia da capela de Belén, situada no campo da feira, na xurisdición de S. Sadurniño e no souto de Agra, remóntase, segundo o Libro de Fábrica, a súa fundación o 11 de xullo de 1707 por dona Francisca Ventura de Andrade e Pardo de Figueroa, primeira Marquesa de San Sadurniño. Esta dotou á capela de cáliz, patena, misal e ornatos precisos para celebrar a misa os días de feira. Esa primeira capela era máis pequena, feita de lousa e madeira uns metros abaixo da actual que construiuse no 1715, dous anos antes da súa morte, o 31 de decembro de 1717. É unha capela que pide protección para o parto e a fertilidade das mulleres da familia, e tamén mantiña a devoción por San Caetano.
Foto de la siguiente página: http://www.falamedesansadurnino.org/imaxe/historia-da-capela-de-belen/ |
No seu campo celébrase unha festa popular e foi o espazo da feira dende finais do século XVII no que se trasladou do campo que había entre o adro do CONVENTO e a CASA-PAZO DE S. SADURNIÑO.
Foto de la siguiente página: http://www.falamedesansadurnino.org/imaxe/historia-da-capela-de-belen/ |
unha análise da historiadora Margarita Sánchez Yáñez, indícanos que trátase dunha pequena capela de pranta rectangular e nave única. O material de construcción é de cachotaría agás a fachada que é de cantaría e ten un banco corrido na parte inferior a xeito de zócolo. a fachada ten un corpo rectangular no que se atopa a porta central en arco de medio punto no que as doelas teñen labrada unha moldura cóncava e outra convexa. Sobre do arco de entrada hai unha fornela cega de feitura cadrangular, enmarcada cunhas molduras que fan catro orellóns nas esquinas e ten un teito a xeito de cuncha de vieira. No interior da fornela, a imaxe ecléctica da NOSA SEÑORA DE BELÉN realizada en pedra no terceiro terzo do século XIX. Preséntase á Virxe frontal, hierática, vestida con túnica e manto en forma de campá, con veo e coroada. Sobre a súa man dereita o Neno espido sentado parece levar coroa, aínda que a erosión da pedra fixo estragos na cabeza e rostro do infante. A man esquerda, achégase para tocar o pé de Xesús.
No lado esquerdo da porta hai un ESCUDO sen bordura, acolado,
neste caso rodeado de figuras co aspecto de follas rematadas en espiral, cuartelado
en cruz, coroado con coroa do marquesado de San Sadurniño. É o máis antigo
escudo da familia con coroa de marquesado que se conserva e os motivos non son
elixidos ó chou, senón que teñen un significado especial, representando os
emblemas das ramas femininas da historia familiar, como interpreta a historiadora
Margarita Sánchez. Nos catro cuarteis aparecen os temas seguintes: no primeiro
as lanzas dos LANZÓS, no segundo as arroelas dos CASTRO, na parte
de embaixo, o terceiro, as cinco follas dos FIGUEROA e á beira o cuarto,
que ten os cuadrúpedos dos OSORIO.
Accédese ó interior e logo de pasar a porta hai un espazo rectangular onde destaca o RETABLO sacramental do Altar maior, realizado en madeira policromada, moi probablemente no terceiro terzo do século XIX e repintado no século XX en cores verde e un vermello granate. Sobre un zócalo de pedra aséntase o banco, cuxos paneis centrais albergan as ménsulas das rúas laterais e no centro o Sagrario.
O corpo central presenta tres arcos separados por columnas. Baixo do arco central se acobillaba nun tempo unha imaxe de madeira da Virxe co neno, que foi roubada. Agora móstrase unha fotografía da patroa da capela e baixo esta, unha imaxe da NOSA SEÑORA DO CARME realizada no segundo terzo do século XX. A Virxe vestida con hábito marrón carmelita, manto e veo branco e dobre coroa, ofrece ao devoto o escapulario, mentres o seu Fillo senta sobre a man esquerda, coroado, vestido con túnica branca e achegando a súa man dereita ao manto de María. Á esquerda, unha imaxe barroca en madeira policromada da NOSA SEÑORA DA VIDE ou do Acio, realizada no primeiro terzo do século XVIII. A peza representa á Virxe vestindo túnica vermella con manto verde ribeteado en dourado, cabelos longos castiñeiros con raia ao medio e unha pequena coroa. Coa súa man dereita suxeita e ofrece un acio de uvas, mentres coa esquerda sostén a Xesús, sentado e espido, con cabelo rizado castiñeiro, que toca coa súa man dereita as uvas, simbolizando o sacrificio do Calvario e o do altar. Esta representación é escasa, sendo algo máis habitual no sur da península. Á dereita SANTO ANTONIO DE PADUA, imaxe barroca do segundo terzo do século XVIII. Aquí o santo, que viste hábito franciscano, móstrasenos como un home de mediana idade, imberbe e tonsurado, portando na súa man dereita unha pluma, e na súa esquerda o libro, sobre o que apoia os pés o Neno, que prefire sentar sobre o ombreiro do santo en actitude moi cariñosa. Un entablamento sostén o ático. Este de forma semicircular achatado, está decorado no centro por unha cruz lobulada rexistrada nun círculo e motivos ondulantes nos seus lados, remata cunha venera e “ces” en tornapuntas.
No oco que queda
entre o retablo maior e a parede do muro lateral, vemos, sobre unha ménsula, a
imaxe do SAGRADO CORAZÓN DE XESÚS, realizada no segundo terzo do século
XX e que estaba no concello aló polos anos 50 do século pasado. Represéntase a Xesús
sentado nun “trono”, con túnica branca e manto rosado. Sostén a bóla do mundo
coa súa man esquerda, mentres alza a dereita para bendicir. No seu peito o
corazón inflamado, e aos seus pés unha coroa cun cetro sobre un coxín de veludo
verde, presentándoo á vez como Cristo Rey e Cristo Salvador.
No lado contrario, custódiase a imaxe actual da Virxe realizada polo escultor Carlos García Romero no ano 2007, substituindo a talla orixinal roubada hai 30 anos e que en nada parécese á que sustitúe.
Coordenadas: 43º 32' 16.9" N - 8º 04' 05.9" W
INFORMACIÓN RECOLLIDA
DAS SEGUINTES LIGAZÓNS
https://core.ac.uk/download/pdf/61911362.pdf
http://www.falamedesansadurnino.org/imaxe/historia-da-capela-de-belen/
https://docs.wixstatic.com/ugd/4dc129_055f82a0f95a4e079d50db6725e9bfc5.pdf
https://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/22837/capela-de-belen?langId=es_ES&tp=8&ctre=31
VISITA OUTROS
SORPRENDENTES LUGARES DO MUNICIPIO NESTA LIGAZÓN,
CUN MAPA
PARA CHEGAR A CADA UN DELES.
No hay comentarios:
Publicar un comentario