EDIFICIO DA UNIÓN MAÑONESA, MAÑÓN

 

Esta Escola de Barreiros, tamén coñecida como Grupo escolar de Campo de San Roque, foi construida no ano 1929, pola sociedade Unión Mañonesa con sede na Habana desde o 1909 e constituída polos emigrantes deste concello. Como moitas outras sociedades da emigración tivo entre os seus obxectivos a promoción da educación gratuíta. A Unión levou a cabo, ademais, un importante labor asistencial, axudando aos homes e ás mulleres do concello que emigraban a Cuba, e desenvolveu tamén accións destinadas á mellora e modernización da agricultura e da gandería ou á promoción da lectura. Co tempo, a sociedade chegou a ter varias sedes en Cuba, así como noutros lugares onde se asentou a veciñanza deste concello (Nueva York, Brooklyn, Madrid ou A Coruña).


O edificio destinado ao ensino primario situase nunha parcela rural illada, sen construcións próximas, e consiste nun contundente volume prismático de duas plantas, con cuberta a catro augas, construído en cachotaría irregular mesturada con cemento, que se encalou e pintou posteriormente en dúas cores para subliñar determinados elementos das fachadas.

Sobresae na fachada principal un corpo de balcón na planta alta que crea un soportal no andar terreo que lle achegan unha gran monumentalidade ao conxunto arquitectónico. Está formado por catro piares de base cadrada, unificados por parellas mediante un pequeno murete que subliña a entrada principal. Esta está precedida por unha escaleira de catro chanzos de perfil cuadrangular e decrecentes en altura. Sobre o soportal vai unha galería, que se correspondería coa primeira planta, cunha configuración similar, na que os piares se unifican mediante unha varanda de formigón a modo de balconada. Enriba da galería e como elemento ornamental máis destacado hai un ático, en cuxo centro hai un frontón circular; está coroado por uns pináculos de forma redondeada que se repiten nos extremos da cuberta. No frontón hai unha inscrición na que reflíctense as intencións docentes dos promotores e lema da sociedade promotora: «INSTRUCCIÓN Y PROTECCIÓN». No ático aparece o nome da sociedade coas datas da súa fundación e da inauguración do edificio escolar: «1909 LA UNIÓN MAÑONESA 1929».

A planta baixa conta con tres accesos independentes. O central, que actúa como eixe de simetria para a distribución de ambas as plantas, conduce a un vestíbulo que contén as escaleiras de acceso á planta alta, na que se construiron as dúas vivendas dos mestres/as, e ao faiado no último tramo. As outras entradas, situadas a ambos os lados do vestibulo central, dan acceso a senllas aulas, formadas cada unha por un vestibulo, un cuarto de aseos e o espazo docente.

Recentemente, o Concello de Mañón transformouna con fondos propios e dos denominados de Compensación Ambiental co fin de convertelo nun albergue turístico para completar os servizos incluídos nos ROTEIROS DE SENDEIRISMO POLO RÍO SOR e tamén outros enclaves tan relevantes como ESTACA DE BARES, o PORTO DO BARQUEIRO ou as praias de Bares e Esteiro e o Roteiro dos Faros, que conta coa colaboración da Xunta e Renfe.

Coordenadas: 43°38'30.0"N 7°44'27.3"W

INFORMACIÓN RECOLLIDA NAS SEGUINTES LIGAZÓNS

http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/siotuga/documentos/urbanismo/MANON/documents/28004ca003.PDF (páxina 30).

http://patrimoniogalego.net/index.php/50028/2013/09/edificio-union-manonesa/

http://mapas.consellodacultura.gal/escolas/

http://mapas.consellodacultura.gal/escolas/?escola=Grupo+escolar+de+Campo+de+San+Roque+

http://www.dehistoria.net/wp-content/uploads/2012/03/1229518741ortegal.pdf

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2604631/manon-concello-transforma-union-manonesa-albergue-turistico

http://mapas.consellodacultura.gal/escolas/edicion/extras/49d01a_doc_293_01.pdf

VISITA OUTROS SORPRENDENTES LUGARES DO MUNICIPIO DE MAÑÓN NESTA LIGAZÓN, CUN MAPA PARA CHEGAR A CADA UN DELES.

No hay comentarios:

Publicar un comentario