CRUCEIRO DE LEBORÉ, XERMADE

Segundo puidemos ler, neste concello, entre cruceiros, cristos e cruces, localízanse 94 destas mostras de relixiosidade popular, e nesta publicación mostrámosvos o Cruceiro de Leboré, situado nun cruzamento viario da estrada Viveiro – Betanzos, camiño aos lugares de Leboré e Reguengo, na parroquia de Santa Mariña de Cabreiros (43°23'20.4"N 7°48'18.5"W).

O cruceiro, de propiedade privada e realizado en granito, data de 1895, tal como consta nunha inscripción na súa base, non visible pola maleza que a cubría no momento da nosa visita, e aínda que aparenta bo estado, amosa algún elemento artístico deteriorado. Tamén lemos que a plataforma ten dous chanzos e unha base cun tramo de forma paralelepípeda e un segundo troncopiramidal, difícil de distinguir pola masa silvestre que as toma.

O fuste é monolítico, prismático, de sección cuadrangular nos extremos e coas arestas biseladas no resto. As do extremo superior están ornamentadas por uns roeis e rombos. O resto do fuste está adornado polos instrumentos da paixón en relevo (tres cravos, un martelo, unhas tenaces, unha espada e unha escaleira de dez banzos).

O capitel presenta forma troncopiramidal invertida decorado con querubíns e volutas. Sobre el álzase unha cruz de sección cuadrangular nos seus extremos e as arestas rebaixadas no resto, rematada en cruz florenzada.

No anverso da cruz, baixo a cartela, aparece a efixie de Cristo coa súa cabeza inclinada ó lado dereito, os brazos estendidos e as mans abertas, o perizoma anoado ó lado dereito, o pé dereito sobre o esquerdo e ambos apoiados nunha caveira. Esta efixie esta flanqueada por un desigual santiño que, ademais de mostrar un libro entre as súas mans, presenta diferentes deterioracións na súa figura.

TODA A INFORMACIÓN INCLUÍDA NESTA PUBLICACIÓN, FOI RECOLLIDA DAS SEGUINTES LIGAZÓNS:

https://www.galiciadigital.com/opinion/opinion.1738.php

https://www.galiciadigital.com/opinion/opinion.1745.php

https://cruceirosdegalicia.xyz/270210202.html

Cruceiro incluído na obra "CRUCEIROS, CRISTOS E CRUCES DE XERMADE", de Fernando Arribas Arias e José Manuel Branco Prado. Edicios do Castro. Cadernos do seminario de Sargadelos número 94. Cruceiro número 14, páxs. 62-65.

VISITA OUTROS SORPRENDENTES LUGARES DO CONCELLO DE XERMADE NA LIGAZÓN, CUN MAPA PARA CHEGAR A CADA UN DELES.

2 comentarios:

  1. Un cruceiro precioso, tal vez algún día pueda verlo. Besos.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. El municipio de Xermade es rico en este tipo de elementos, además de otro patrimonio natural y arquitectónico que bien merecen una visita. Un saludo Teresa y gracias por seguirnos

      Eliminar