GALICIA, UN RELATO NO MUNDO

 Visitamos no MUSEO DO CENTRO GAIÁS a exposición “Galicia, un relato no mundo”, que explora a interacción entre o territorio histórico galego e o resto do mundo nun percorrido que nos leva desde a prehistoria ata a actualidade. 

(máis información e imáxenes da CIDADE DA CULTURA nesta ligazón)




Estrutúrase arredor dos MITOS, as HISTORIAS, as MEMORIAS e as VIDAS dos galegos e galegas en diferentes épocas e contextos xeográficos.



Concibida como a primeira de tres grandes exposicións da Xunta con motivo do Xacobeo 2021, céntrase nas relacións internacionais de Galicia e a súa presenza no mundo. No marco da exposición chegan por vez primeira a Galicia, destacadas pezas de alto valor simbólico para a historia e a cultura do noso país e que se atopan en prestixiosas coleccións museísticas en distintos recantos do mundo. Comisariada polo xornalista, profesor e divulgador Manuel Gago Mariño, “Galicia, un relato no mundo” examina o papel de diferentes culturas, pobos e grandes eventos históricos na conformación da historia e da identidade galega. Tamén as relacións e a profunda conexión da comunidade galega con outros países –sobre todo europeos e americanos– rompendo co mito de illamento e periferia e explorando o papel e o impacto de Galicia no mundo.

MITOS é o punto de partida da exposición e explica como no imaxinario de Galicia a idea da viaxe e da relación co foráneo é central. Esta parte da mostra explora os relatos lendarios construídos desde a Idade Media ao redor das orixes de Galicia, boa parte deles baseados na idea de tránsito, con figuras mitolóxicas do Mediterráneo e do Atlántico.



Aquí exponse por primeira vez en Galicia, o LIBRO DAS INVASIÓNS. Nos mitos fundacionais da identidade de Galicia, a idea de viaxe é fundamental. Trala chegada ou partida de famosos personaxes mitolóxicos está o propósito de prestixiar o territorio, os seus habitantes e gobernantes. Ao longo da fachada atlántica forxáronse historias sobre un pobo de conquistadores que navegaban de ribeira en ribeira, uns relatos que conectan Galicia e as Illas Británicas.

 


O Lebor Gabála Érenn, ou Libro das Invasións, é parte do  Libro de Leinster, unha das principais compilacións da literatura medieval irlandesa. Trátase da obra onde se atopa a primeira mención coñecida a Breogán, o líder mítico cuxo fillo Ith avistou Irlanda por primeira vez desde o FARO DE BRIGANTIUM.



Custodiado polo Trinity College de Dublín, o Libro das Invasións sairá por vez primeira de Irlanda para ser exposto en Galicia, un relato no mundo. Foi producido entre os séculos XII e XIII polo abade Áed Ua Crimthainn no mosteiro de Tír-Dá-Glas (Tipperary, Irlanda).


 Reúne fontes mitolóxicas, bíblicas e de autores cristiáns para dar conta das invasións de Irlanda por diferentes pobos, os últimos dos cales serían os milesios, procedentes da cidade galega de Brigantia. 
   


Entre as fontes máis importantes do Libro das Invasións está o historiador Paulo Orosio, oriundo de Braga, que no século V describe o vínculo entre Irlanda e Brigantia.



Séculos despois, no XIX, a través do traballo do historiador Manuel Murguía a lenda de Breogán incorporaríase á tradición cultural e identitaria de Galicia, que no propio Himno se convertiría no Fogar de Breogán.












HISTORIAS percorre seis mil anos seleccionando momentos nos que a relación co mundo foi especialmente determinante. Céntrase no relato cronolóxico das interaccións entre Galicia e o resto do mundo desde a prehistoria ata a Segunda Guerra Mundial, prestando atención tamén ao impacto doutras culturas en Galicia.


Nun primeiro panel, móstransenos diferentes tipos de GRAVADOS RUPESTRES, moi estendidos no noso territorio e vinculándoos cos de outras partes Europa.





Son moitas as pezas interesantes que podemos ver e que gardan estreita relación con Galicia.





A tecnoloxía permitirá enriquecer a experiencia dunha exposición que reunirá máis de 300 pezas senlleiras da cultura galega e do patrimonio universal. Os sistemas sensoriais de presenza, permiten detectar a posición ou o interese do visitante para despregar distintos niveis de información, que axudan a comprender o significado e a procedencia das pezas. Como o colar atopado en Silleda de variscita e ámbar, dous elementos non presentes en Galicia que xa aluden ao intercambio de materiais do 4.400 antes de Cristo.


















Neste outro espazo, cóntasenos como as dimensións e a estructura urbana de LANSBRICA, achégana aos oppida ( grandes castros) de centro europa, que tamén disponen de áreas centrais e delimitadas para usos relixiosos e colectivos.



Aquí podemos ver pezas relacionadas con este e outros grandes enclaves castrexos.











Como estas do Museo Arqueolóxico do CASTRO DE SANTA TREGA.





Outra peza relevante da exposición é o GUERREIRO DE LESENHO

[Estatua de Guerreiro Galaico. 173 x 54 x 30 cm. Granito. Museu Nacional de Arqueologia. Lisboa. Portugal] 


Peza central para entender a Idade do Ferro no noroeste da Península Ibérica, grazas á súa riqueza iconográfica. Desempeñará unha función nodal na exposición como clave para contextualizar diferentes obxectos arqueolóxicos que amosan conexións formais, culturais ou tecnolóxicas en relación con outros pobos da Idade do Ferro e tamén para relatar os primeiros encontros entre os pobos galaicos e o imperio romano, a través da iconografía da caetra.



Nas estatuas de guerreiros galaicos, a caetra, o escudo, é o elemento da panoplia máis visible e relevante e sempre se representa de maneira frontal. Será este o primeiro símbolo do noroeste peninsular, singularizado como tal, que represente visualmente ao noroeste de Iberia en Roma, no corazón do Imperio, nos primeiros tempos da conquista relatando os primeiros encontros entre os pobos galaicos e o imperio romano.












Agora, a realidade aumentada permitenos viaxar no tempo e no espazo ata o SEBASTEION da cidade de Afrodisias, na Turquía occidental: un monumental templo conmemorativo da memoria do primeiro emperador romano, Octavio Augusto, onde figura a inscrición máis distante que coñecemos referida ao pobo dos galaicos. As persoas visitantes poden interactuar cunha réplica a tamaño real da inscrición e, a través de tablets, ‘erguer’ ao seu redor o templo tal e como se coñecía a finais do Imperio romano. 






Podemos ver relevantes mostras de escultura romana, como a estela funeraria custodiada no MUSEO QUIÑONES DE LEÓN de Vigo.






Á súa beira móstrase, traída do MUSEO PROVINCIAL DE LUGO, a ESTELA BIFRONTE DE ADAI, en cuxo anverso aparecen dúas figuras sedentes de diferente sexo, vestidas e peiteadas á maneira tardía. 


No reverso hai dúas escenas, na superior móstrase a loita entre un home e un oso e no inferior tres aves.



Xunto a esta peza atopámonos co sartego que tivemos a oportunidade de ver na igrexa de San Sadurniño de Goiáns (PORTO DO SON).






  A Gallaecia do final do Imperio Romano foi un territorio moi dinámico. As elites teceron unha rede de contactos con todo o Imperio e documéntase unha activa participación no intenso circuíto comercial que conectaba o Mediterráneo oriental co norte de Europa. Exeria, aristócrata galaicorromana, é a primeira escritora coñecida da Península Ibérica e representante do conxunto escaso de mulleres da Antigüidade tardía que emprenderon a peregrinación de Occidente a Oriente movidas pola piedade e a curiosidade de coñecer os escenarios da Biblia.



O manuscrito do ITINERARIO DE EXERIA forma parte do CODEX ARETINUS 405, descuberto en 1884 por Gian Francesco Gamburrini na Biblioteca de Arezzo. 


O texto foi transcrito no século XII, posiblemente no mosteiro de Monte Cassino, a partir dun manuscrito anterior. Desde o século XIX, o Itinerario da virxe Exeria foi obxecto de numerosas edicións e traducións en todo o mundo, sendo unha das fontes máis valiosas para coñecer a espiritualidade da Antigüidade tardía e o papel da muller nese tempo. [Peregrinato Egeriae, (O Itinerario de Exeria). Manuscrito. S.XI. Biblioteca Comunale di Arezzo. [1ª vez en Galicia].




 


 

Outras das pezas destacadas é o [Mapa Imago Mundi de Honorius de Autum (MAPA DE SAWLEY). Editado por Henry de Mainz, s XII. The Parker Library, Corpus Christi College, Cambridge]. O Mapa de Sawley revela o coñecemento do reino de Galicia en Europa no século XII, durante a coñecida como "Era Compostelana", un período de especial florecemento cultural, económico e institucional do reino. Datado cara 1190, contemporáneo do Pórtico da Gloria, o mapa sitúa a catedral de Santiago coma o edificio máis importante de Europa, ilustrándoa nun tamaño incluso maior que a Basílica de San Pedro de Roma.



É un dos primeiros mapa mundi europeos e está considerado o mapa enciclopédico máis antigo conservado das Illas Británicas. Os mapas enciclopédicos son una síntese de saber pois non só colocan representacións xeográficas, senón os outros saberes do seu tempo: históricos, bíblicos e lendarios. Foi descuberto na biblioteca da abadía de Sawley, un mosteiro cisterciense de Yorkshire, e esta será a primeira vez que se exporá en Galicia.









Cruz Patada das TORRES DO OESTE (época de Alfonso II)













Dentro deste espazo, sobresaen as pezas que a continuación detallamos: 



No s. XII realizáronse en Compostela diversas reproducións do Códice Calixtino co ánimo de propagar por toda Europa o culto e a peregrinación a Santiago, chegando a importantes centros de culto e intelectuais da época ao longo do continente. O propio Liber Sancti Iacobi foi escrito coa vocación de prestixiar e conectar Compostela e Galicia co resto de Europa, creando a lenda da aparición de Santiago ao emperador Carlomagno, a figura con máis renome da Europa medieval, e a súa chegada a Compostela.


Os LIBER SANCTI IACOBI do Vaticano e de Salamanca –que toman como modelo o códice compostelán– inclúen miniaturas recollendo a escena do encontro entre Santiago e o emperador, contribuíndo á difusión da lenda por todo o continente. Son dous dos tres únicos códices calixtinos iluminados –ademais do orixinal de Santiago de Compostela– e permiten observar detalles gráficos perdidos no orixinal compostelán, como é o propio rostro do emperador Carlomagno.



Liber Sancti Iacobi. S. XII. Archivio San Pietro c. 128. Città del Vaticano, Biblioteca Apostólica Vaticana.
Liber Sancti Iacobi (Codex Calixtinus). Siglo XIV (ca.1325). Universidad de Salamanca. Biblioteca General Histórica.



O CANCIONEIRO DA VATICANA é, xunto co Cancioneiro de Ajuda e o Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Portugal, un dos corpus nos que se garda a lírica galego portuguesa medieval, nacida nunha época de especial esplendor cultural, económico e político da Era Compostelá no século XII. Trátase dunha obra cun excepcional valor simbólico para a nosa cultura –que se exporá en Galicia por vez primeira– pero tamén central na tradición literaria de Europa. A lírica galego portuguesa, xunto coa poesía na lingua de oc (Occitania) e de oïl (norte de Francia), foron as primeiras expresións literarias en lingua romance do continente.



Trátase dunha colección monumental de 1.200 cantigas copiadas en Italia a finais do século XV e principios do XVI por orde do humanista italiano Angelo Colocci, copias realizadas a partir dos orixinais, hoxe desaparecidos. Nel figuran os nomes máis emblemáticos da tradición literaria galego portuguesa medieval: os reis Afonso X O Sabio, Don Dinís, Paio Gomes Chariño, Afonso Eanes do Cotón, Pero da Ponte, Meendinho ou Airas Nunes, entre moitos outros.



O Camiño de Santiago: un universo medieval A Galicia do século XII e as historias do Camiño de Santiago cobran vida nas mans dos e das usuarias a través dunha mesa interactiva e de recursos propios do mundo dos videoxogos. A interacción con diversos obxectos reais –como cerámica ou moedas– distribuídos nunha mesa desencadean eventos e transformacións nun mundo virtual que, proxectado nunha gran pantalla, reacciona en tempo real.




Outra das pezas destacadas e a BIBLIA KENNICOTT, recoñecida como unha obra mestra da iluminación medieval, un dos manuscritos hebreos máis valiosos da Historia e a testemuña máis importante da presenza xudía en Galicia. Rematouse na Coruña o 24 de xullo de 1476 (o ano 5236 da Creación, no cómputo xudeu). Foi un encargo dun importante comerciante da cidade, Don Isaac, fillo de Salomón de Braga. Isaac e a súa familia tiveron que marchar da Coruña entre 1492–1493 por mor do decreto de expulsión dos xudeus promulgado polos Reis Católicos e moi posiblemente levaron a Biblia con eles.


O libro seguiu un azaroso camiño por Portugal, o norte de África e Xibraltar e durante 300 anos estivo desaparecida. En 1771, Benjamin Kennicott, responsable da Biblioteca Radcliffe da Universidade de Oxford, xestionou a súa adquisición para os fondos da institución. En 1872 a Biblia sería transferida ás Bibliotecas Bodleian, tamén da Universidade de Oxford, onde continúa ata hoxe que, 500 anos despois do exilio dos seus propietarios, volverá a Galicia para ser exhibida no Museo Centro Gaiás, ao carón doutras obras senlleiras cun importante valor simbólico para a cultura e historia de Galicia. Numerosos colectivos e voces teñen solicitado ao longo destes anos a exposición en Galicia desta obra universal.



A Biblia é un magnífico expoñente da confluencia artística na España do século XV das tradicións artísticas musulmás, hebreas e cristiás. Dun extraordinario valor histórico e artístico, é tamén a mellor testemuña da presenza xudía na Baixa Idade Media en Galicia, a onde volve máis de cincocentos anos despois de saír da Coruña no século XV.




No blogue dedicamos un apartado a ESCULTURA, fermosas mostras de arte.










Sorprendeume gratamente atopar dentro da exposición, unha mostra da ESCULTURA FUNERARIA. 







O sepulcro humilde ou luxosos non só era, na cultura cristiá, a morada para o corpo ata o día da resurrección da carne, senón tamén unha lección de historia que nos permitía achegarnos á vida e á sociedade á que pertencera o defunto e completar a visión da época, á vez, que enriquecía o noso patrimonio artístico. 


NESTA LIGAZÓN mostrareivos a que para min, constitúe a máis orixinal e extraordinaria colección de monumentos sepulcrais e estelas que conseguín ver en Galicia.







As novas tecnoloxías permiten mergullarse de cheo en Galicia, un relato no mundo para aqueles que queiran ir máis alá da mera contemplación das pezas que a componen. Interactuando coa pantalla, iremos coñecendo a historia do nobre Ponto. 

Conta a historia de Ponto, fillo do rei de Galiza, tras a toma da Coruña polos musulmáns e a morte do rei Tiber. Un grupo de rapaces galegos son salvados e embarcados nun navío que naufraga nas costas de Bretaña; alá son acollidos polo rei e criados por nobres bretóns. Sidonia, a filla do rei, e Ponto namóranse, mais diversas desventuras poñen en perigo a súa felicidade. Finalmente, Ponto reconquistará o seu país e casará con Sidonia, sendo rei de Bretaña e de Galiza, ao tempo que o seu curmán Polido se ha converter en rei de Inglaterra. Trátase dun relato en prosa que bebe na literatura cabaleiresca e na materia de Bretaña. A obra sitúa a lector nunha Galiza coñecida na Europa medieval, por mor dos intercambios comerciais coa Bretaña e da peregrinaxe a Compostela. Aínda que a finais do século XIV Galiza xa non era un país independente, o autor escolle como protagonista ao fillo do rei de Galiza porque na derradeira metade do século XIV o país estaba no primeiro plano de actualidade europea e tiñan lugar negociacións a alto nivel sobre o título de rei de Galiza.



Nos séculos XVI e XVII, a gran nobreza galega integrouse nos proxectos da monarquía hispánica ao longo do imperio. Os galegos destacaron no exército e, sobre todo, no exercicio da diplomacia. Grazas aos contactos establecidos nos seus vicerreinados en Italia, os condes de Lemos e Monterrei convertéronse en afamados coleccionistas da arte do seu tempo. Pedro Fernández de Castro, coñecido como Gran Conde de Lemos, foi unha das figuras políticas máis destacadas do reinado de Felipe III, presidente dos consellos de Indias e Italia e vicerrei en Nápoles, ademais de Alguacil Maior do Reino de Galicia. Foi un destacado valedor dos grandes escritores do século de ouro, e mantivo amizade con Miguel de Cervantes, Luís de Góngora ou Lope de Vega, entre outros. 
Na pinacoteca dos Lemos atopábanse obras extraordinarias.


Lembremos, que hoxe en día, no ESCORIAL GALEGO, podemos admirar unha magnífica PINACOTECA na que destacan dúas pinturas do GRECO.












Son un namorado de todo o relativo a Galicia, pero cando ves nunha importante exposición como esta, algo moi próximo a un mesmo, a sorpresa é aínda maior. Iso é o que me pasou ao contemplar estes EXVOTOS DEL SANTUARIO DE PASTORIZA (ARTEIXO).















Finaliza o percorrido sobre as HISTORIAS no espazo sobre a II  Guerra Mundial: galegos no conflito.



É o momento de subir ao segundo andar e visitar o terceiro apartado desta mostra. MEMORIAS propón unha viaxe pola emigración galega desde o século XVIII ata hoxe en día, percorrendo as causas e características dos movementos migratorios e o seu legado a través do impacto na economía, na arte ou na construción da identidade galega.









Entre outras aplicacións, a mostra ofrécenos OS ADEUSES EN REALIDADE VIRTUAL é una singular experiencia inmersiva na que se combina un espazo real e un espazo virtual para converter o balcón do segundo andar do Museo Centro Gaiás na cuberta dun transatlántico de mediados do século XX que parte do porto da Coruña para América. Cunha mochila e gafas de realidade virtual, os participantes poden mergullarse con liberdade na cuberta do barco, interactuar con obxectos e con personaxes e revivir o momento da partida cara América que experimentaron os seus devanceiros.


Veremos parte do legado dalgún deses emigrantes.







As músicas da emigración, nos descubre a descoñecida producción musical galega de principios do século XX.













A SANTA, escultura en madeira policromada de Francisco Asorey, é unha das pezas máis destacadas do traballo do escultor cambadés e tamén dunha das obras de arte galegas máis significativas e controvertidas do século pasado, polo potente e provocador simbolismo co que representou a muller galega, rachando cos códigos estéticos vixentes naquel tempo.







Foi presentada en 1926 na Exposición Nacional de Bellas Artes en Madrid, onde Asorey levaría a primeira medalla da exposición con outra obra, San Francisco. A Santa, pola súa banda, provocou gran sorpresa pola súa representación dunha labrega galega espida, portando un xugo de vacas e moi afastada da figura feminina idealizada predominante no momento. A obra causou un amplo debate na prensa arredor da representación do corpo da muller e da lectura política da obra, que se asociou aos esforzos da muller labrega galega, pero que tamén se entendeu como un símbolo da situación da Galicia da época. Anos despois, nunha entrevista á prensa en 1956, Francisco Asorey consideraría esta escultura como a obra da que se atopaba “máis satisfeito”.


 A Santa foi adquirida pola Casa de Galicia de Montevideo (Uruguai) e partiu de Vigo para América en 1951, sendo testemuña imprescindible do valioso e amplo patrimonio cultural galego do século XX preservado nos centros e sociedades galegas de América, e unha mostra do interese da diáspora pola cultura de Galicia.



Para rematar este fermoso e interesante percorrido, VIDAS detense na presenza actual de Galicia no mundo, especialmente a través da idea da exportación e a presenza comercial, conectando ás persoas visitantes co presente e con temas como a imaxe exterior de Galicia, a dimensión internacional da lingua galega ou a construción das relacións internacionais.


15 NOV 2019 - 12 ABR 2020 Museo Centro Gaiás (andar 1 e 2)
De martes a domingo de 10 a 20 horas | Entrada de balde
Visitas comentadas De martes a domingo ás 17.30 horas De balde | Máximo de 25 persoas por grupo na visita. Acceso por rigorosa orde de chegada

INFORMACIÓN RECOLLIDA DAS SEGUINTES LIGAZÓNS





VISITA OUTROS SORPRENDENTES LUGARES DO MUNICIPIO DE SANTIAGO NESTA LIGAZÓN, CUN MAPA PARA CHEGAR A CADA UN DELES. 





No hay comentarios:

Publicar un comentario