Como ben contanos Xabier Maceiras
no seu libro “O MAR DE ARTEIXO E OS SEUS NAUFRAXIOS”, o CONCELLO
DE ARTEIXO non ten a tradición de vila vencellada ao mar como teñen,
por exemplo, CAIÓN ...
...ou MALPICA ...
mais, para ben ou para mal, esta historia vai mudar coa actividade que vai
xerar o novo porto de Punta Langosteira.
Mesmo así, defronte ao noso litoral,
un dos máis transitados nesta parte do Atlántico,...
... navegaron ao longo dos anos o
comercio marítimo romano (non deixa de ser curioso que na Coruña siga alumeando
o gran FARO
ROMANO)...
... e as súas guarnicións invasoras; os saqueadores normandos e
viquingos; os baleeiros franceses e bascos cando abundaban nas nosas augas os
grandes mamíferos oceánicos; os navíos comandados polo corsario británico
Francis Drake cando atacara a cidade herculina e o SANTUARIO DE PASTORIZA en 1589;...
... os barcos que se dirixían cara o novo mundo; os
primeiros vapores de ferro; e xa na actualidade, fano a diario os grandes
mercantes e petroleiros que, nos últimos tempos, foron provocando grandes
traxedias medioambientais nas augas galegas convertendo a Galicia no lugar do
mundo que máis mareas negras sofreu nos últimos cincuenta anos.
https://www.lavozdegalicia.es/video/galicia/2016/05/11/imagenes-ineditas-hundimiento-urquiola/0031_2016054888740409001.htm |
En consecuencia deste tránsito marítimo, en
Arteixo houbo afundimentos, naufraxios ou embarrancamentos máis ou menos
trascendentes, alén doutros sinistros que aconteceron no noso mar. En ocasións, as fortes marexadas déixannos ver na PRAIA DO REIRO (CHAMÍN),
os restos do “ARCTIC”, un barco de pesca belga que embarrancou no areal
o domingo 30 de xaneiro de 1938. O barco, de 150 toneladas, saíra de Ostende e dirixíase ás costas
de Portugal para pescar.
O "Arctic" embarrancado no areal do Reiro (El Ideal Gallego) Foto recollida no blog Crónicas de Arteixo. |
Xa se cumpriron máis de 80 anos daquel episodio e só uns poucos teñen
recordos daquela noite, na que unha néboa densa apenas deixaba ver un mar que
batía con forza nas rochas. Os oito mariñeiros non chegaron ao seu destino, aínda
que todos salváronse grazas á solidariedade dos veciños da zona. Un veciño da
zona, Anselmo Pardo, relató o episodio ao escritor Xabier Maceiras: “Á beira da
noite, cando todo o mundo estaba na taberna, no Piñeiro, comezamos a escoitar a
sirena dun barco. Ao pouco, comezaron a tocar as campás das igrexas de Santaia
e de Barrañán, e non deixaron de facelo durante ben tempo. Daquela había medo
por todo: medo á fame, medo ás barbaridades que cometían os falanxistas, medo á
Guerra. Por iso algúns vellos dicían que podía ser un desembarco, un ataque
aliado que viña axudar aos republicanos”. Foi por iso que a primeira intención
das xentes foi cortar os cabos que os belgas botaban ao mar –e que achegaba á
beira un can que levaban a bordo–, para evitar un saqueo, pero un veciño
mariñeiro, Primitivo do Bichelo, reprendeulles a súa actitude indicando que os
estranxeiros só buscaban salvar a vida. Como ninguén entendía o que dicían,
buscaron axuda na veciña Sofía Baridó Schneider, filla dun francés e unha alemá
e casada co arteixán José Rey Valeiro. O matrimonio conduciu aos oito
mariñeiros ata o establecemento que rexentaban en Barrañán onde, mentres
esperaban a que as autoridades se fixesen cargo da situación,
proporcionáronlles alimentos e bebidas quentes.
Nos días posteriores ao embarrancamento do barco belga, os falanxistas
apoderáronse de todo canto había no seu interior, uns falanxistas que previo
pagamento, deixábanlle apañar aos veciños da contorna pranchas de
ferro, que estes utilizaban para facer lume enriba delas, provocando deste
xeito que o calor nos seus fogares fose máis duradeiro. Tamén os ferreiros de
Chamín, A Lagoa, Santaia, Monteagudo e Lañas aproveitaron o ferro do Arctic
para facer eixadas, legoñas, fouces e demais ferramentas de labranza. Maceiras tamén
explica no seu libro, que os irmáns José e Juan Chás Morlán, armadores
coruñeses, decidiron comprar os restos do navío. O obxectivo dos coñecidos como
“Os Chás” era o desmantelamento do mesmo. Uns dos elementos que espertou
interese nos novos donos foi o potente motor, e que finalmente e a pesar de
desmontalo do barco afundido, non puideron adaptar a ningún dos seus navíos.
Así, levaron do Reiro todo o que podía ser do seu interese e abandoaron á súa
sorte o sobrante.
Co paso das mareas, un pequeno testemuño do “Arctic” quedou enterrado. Tal
e como relata Maceiras na súa historia dos naufraxios en Arteixo, “os seus
restos “iríanse tornando nun gran criadeiro de polbos e, nos depósitos do
combustíbel de camarón. Co decurso dos anos, eses restos serían devorados polo
salitre e soterrados na area, aínda que coa forza dos temporais do inverno, de
cando en vez, fican ao descuberto”, nesta praia, agora convertida en pedregal
coa perda de area pola construción do porto exterior.
Por desgraza, a forza da natureza neste fermoso litoral galego, desafía
constantemente ás xentes do mar, atraendo violentamente os seus barcos contra
as afiadas rochas dos cantís, ou arrastrando aos expostos pescadores que os
frecuentan, mollando de pranto, loito e morte a costa. Son as tristes historias
sobre os NAUFRAXIOS DE GALICIA que nesta ligazón contamos.
Restos do vapor portugués Silva Gouveiaque, que varó na Praia do Rostro
tamén por un temporal, o 23 de decembro de 1927.
|
INFORMACIÓN RECOLLIDA DAS SEGUINTES LIGAZÓNS
VISITA OUTROS
SORPRENDENTES LUGARES DO CONCELLO DE ARTEIXO NESTA LIGAZÓN, CUN MAPA PARA CHEGAR A CADA UN DELES.
No hay comentarios:
Publicar un comentario