SANTA MARÍA DE SOUTULLO, A LARACHA

 

A parroquia de Soutullo atópase no interior do municipio, e o seu patrimonio está representado, principalmente, pola igrexa parroquial de Santa Mariña.

0 24 de febreiro do ano 969 o bispo Nuño de Santiago fai unha doazón ao MOSTEIRO DE SOANDRES (que xa publicamos nesta outra entrada do blogue), na que aparece Sancta María de Satulio, que fora fundada polo frater Artemirus (irmán Artemiro). Este documento no que se fai referencia á igrexa indica que o templo orixinal podería pertencer ao século X, aínda que a súa imaxe actual evoca ao XIX.

De estilo barroco, levántase nunha contorna rural do lugar de O igrexario, ten planta de salón, unha única nave e ábsida rectangular.

Na fachada sobresae a espadana de dous ocos que aloxan senllas campás.


Pero tamén unha enorme placa de mármore branco, recordando a dous mozos mortos na guerra civil.

No adro tamén chama a nosa atención unha fermosa pía bautismal.


Atraídos polo murmurio do rego de soutullo, asomámonos ao muro do adro e xunto ao regato distinguimos unha fonte de auga. 



Segundo reza nun letreiro, é a ”FONTE DE SAN VITORIO, agua tan buena que ¡VUELVES!”.







Outros elementos característicos do patrimonio desta parroquia son os seus numerosos cruceiros, sendo o de VILANOVA (que xa publicamos nesta outra entrada do blogue), o máis característico pola súa diferente composición de elementos. Pero tamén aquí, como non podía ser doutro xeito, álzase un CRUCEIRO construído en granito, cunha plataforma cuadrangular de catro chanzos sobre o que asentase un pedestal cúbico rematado en chafráns. 


O fuste, de sección octogonal, recibe un capitel cuadrangular moldurado. 


Encima atópase unha cruz de sección cuadrangular con brazos achafranados. 


O cruceiro complétase cun posadoiro asentado sobre o terceiro chanzo da plataforma.


Non podemos abandonar o lugar sen lembrar que, así mesmo, conta cunha gran riqueza paisaxística probada polo MIRADOIRO DE SANTA MARTA(que xa publicamos nesta outra entrada do blogue), que tamén pertence ás parroquias de Coiro e Soandres.

A INFORMACIÓN INCLUÍDA NESTA PUBLICACIÓN FOI RECOLLIDA DAS SEGUINTES LIGAZÓNS:

https://www.alaracha.gal/turismo/gl/list/55/soutullo/

https://www.alaracha.gal/turismo/gl/list/31/igrexa-parroquial-de-santa-maria-de-soutullo/

 http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/siotuga/documentos/urbanismo/LARACHA/documents/0199CA003.PDF (página 20).

http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/siotuga/documentos/urbanismo/LARACHA/documents/0199CA002.PDF (página 9).

VISITA OUTROS SORPRENDENTES LUGARES DO CONCELLO DA LARACHA NESTA LIGAZÓN, CUN MAPA PARA CHEGAR A CADA UN DELES.

No hay comentarios:

Publicar un comentario