Paizás é un pequeno lugar da parroquia de San Xoán de Cambeda, no
concello coruñés de VIMIANZO,
e na comarca da Terra de Soneira.
Da época fundacional só se conserva ben a vella espadana e máis o seu
patrimonio móbel no interior: un rudo retablo barroco de pedra do século XVIII
con imaxes tamén de pedra.
O lugar no que está emprazada, o chamado Campo de Paizás, tamén conta cunha interesante historia. O 12 de abril de 1809 estableceuse alí un cuartel xeral por orde do comandante das forzas comarcais opostas ós franceses, o cura Pedro Lapido, párroco de Morquintián. Finalmente será derrotado ó día seguinte na batalla de Ponte Olveira, en Dumbría.
Tamén cómpre destacar o monumental CRUCEIRO DE PAIZÁS situado fronte a ermida, un dos máis fermosos da Terra de Soneira.
Ergueito sobre seis chanzos octogonais sitúase a base cuadrangular do cruceiro, cunha caveira en cada esquina como símbolo do pecado e da morte e con tibias e salamántigas.
Sobre esta érguese un piar con inscricións nos que apenas se le o nome do fundador “ARCEDIANO” e “DE TRASTAMARA”. Segundo o historiador Xosé María Lema, foi realizado no século XVII en tempos de Sancho de Lema, que foi arcediago de Trastámara e fidalgo local.
O fuste ou varal está decorado ó xeito das espiñas dun peixe.
O capitel, decorado e con varios anxos, soporta a cruz con puntas
arredondadas. Nela represéntase a virxe de Nosa Señora das Dores en actitude de
orar por unha cara e pola outra, Xesucristo crucificado con tres cravos e a
cabeza cara adiante.
Detrás da capela atópase un carballo centenario ao que se lle atribúen poderes curativos (hernias e tumores). O ritual faise o día da festa (18 de xullo), e consiste en dar 9 voltas darredor do carballo arrincando unha folla de cada vez. Tamén, entre a ermida e a aldea de Paizás, vemos unha CRUZ.
Presenta tres chanzos rectangulares con diferentes alturas, sobre a que
se asenta a base tamén rectangular, cos vértices superiores dos lados máis
longos achafranados. Desta arrinca un alongado pau ou árbore que xunto ao
traveseiro conforman a cruz, de sección cuadrangular no primeiro tramo do pé, e
octogonal no resto.
Segundo puidemos ler, no lugar hai unha casa brasonada de perpiaño que
data, ao igual que a capela, do século XVIII e que foi mandada construír por
Martín de Castiñeira, descendente da familia orixinaria de Castiñeira e que deu
nome ao lugar,
e que non puidemos ver. O que se chamounos a atención, foi os numerosos HÓRREOS
(ao redor de 12 exemplares), en diferente estado de conservación, antigüidade e
tamaño. Destacando os de tipo
Fisterra, construídos en pedra de granito que vai colocada sen tallar e
superposta, non conservando nin dimensións nin formato algún. Elévanse sobre
pés (12 nalgún caso) con tonarratos individuais. Teñen cuberta a dúas augas con
tella do país. O acceso faise a través dunha porta situada no costal.
Moi preto do lugar, levantouse o parque eólico Monte Tourado-Eixe.
Coordenadas: 43°04'04.8"N 9°01'51.0"W
TODA A INFORMACIÓN INCLUÍDA NESTA PUBLICACION, FOI RECOLLIDA DAS
SEGUINTES LIGAZÓNS:
https://gl.wikipedia.org/wiki/Paiz%C3%A1s,_Cambeda,_Vimianzo
https://www.vimianzo.gal/turismo/info.php?idioma=gl&id=145&sec=219
https://gl.wikipedia.org/wiki/Vimianzo
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2002/09/16/ultimos-paizas/0003_1233707.htm
https://www.vimianzo.gal/info.php?id=19&idioma=gl&sec=17
https://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/181123000243/cruceiro-de-paizas?langId=gl_ES&ctre=55&tp=10
https://horreosdegalicia.com/estilos/
VISITA OUTROS
SORPRENDENTES LUGARES DO CONCELLO
DE VIMIANZO NA LIGAZÓN, CUN MAPA
PARA CHEGAR A CADA UN DELES.
No hay comentarios:
Publicar un comentario