Non hai peor cego que o que non quere ver; ou que o que non sabe apreciar
o que ve. Porque visible aos ollos de todo o mundo pasan desapercibidos os
monumentos megalíticos que fan do
interior da comunidade «unha das zonas con máis densidade de pedras fitas». É
palabra de arqueólogo. De Xurxo Broz, colaborador do MUSEO TERRA DE MELIDE, a institución que puxo en coñecemento de Patrimonio a existencia de
corenta elementos arqueolóxicos localizados na comarca e entre os que destacan
xigantescas pedras talladas que teñen entre 4.000 e 6.000 anos de antigüidade.
As pezas arquitectónicas, do Neolítico final, son menhires e bloques propios da
cámara dun dolmen, un patrimonio «visible pero descoñecido».
No concello de Boimorto, concretamente no lugar de Fontiñas, na parroquia
de San Martiño de Andabao podemos contemplar tres magníficos exemplos de
pedrafitas (pedras fitas ou parafitas, e para entendernos tamén menhires), de
presumible adscrición prehistórica. Ditas pedrafitas foron descubertas fai máis
de 25 anos, soterradas en parcelas e leiras que se unificaron e acondicionaron
debido á concentración parcelaria. A familia de Luis Seoane, propietaria das
terras, reparou tamén na singularidade delas e quíxoas poñer en valor
colocándoas en lugares moi visibles, nas beiras das pistas, coa finalidade
principalmente estética de “facer bonito”.
A PEDRAFITA
I DE ANDABAO colocárona na encrucillada entre a estrada DP-1003 e a
pista que leva ás aldeas de Paravico, Casas, Hospital, Ponte e Pedreira. Trátase
dunha pedrafita labrada en granito, e moi singular polo seu deseño e moi
elaborado. Presenta feitura fusiforme e perfil arqueado con engrosamento a
media altura. As caras presentan tendencia redondeada, a excepción da parte
nordeste (a que mira ás terras de cultivo), onde tende ó aplanamento. A sección
é amendoada. Mide 1,77 metros (visibles), non coñecéndose canto máis está
fincada no terreo, e conta cun perímetro de 2,63 metros (medidos a media
altura).
Esta pedrafita chama moito a atención debido á súa perfección formal,
tanto é así que se descarta que poida tratarse dun marco antigo, e tamén se
descarta unha formación debida a axentes naturais. Algún investigador
interpréta esta e a seguinte como fálicas, aínda que tamén poden que cumpriran
unha función agro-benéfica onde se realizarían unha serie de rituais
encamiñados a propiciar as boas colleitas.
A PEDRAFITA
II DE ANDABAO tamén é moi contundente, no que a á súa morfoloxía
“amenhirada“ refirese, de feito parécese moito ó Menhir do
Padrâo, no Algarve portugués. A pedrafita atópase na marxe da estrada
DP -1003, a escasos metros da pista que leva á igrexa parroquial de Andabao.
Destaca ó igual que a anterior polo seu esmerado deseño, presentando
feitura esbelta, fusiforme e remate picudo. Ó igual que a anterior as caras
presentan tendencia redondeada, e as modificacións nas mesmas responden a
pérdidas parciais de material, tanto na base do extremo sueste como na cara
norte. Presenta unha sección ovalada. Mide 2,28 metros (visibles),
descoñecéndose canto máis hai fincado no terreo. O perímetro medido na parte
central é duns 3 metros.
A maiores existe unha PEDRAFITA
III DE ANDABAO fincada, algo máis dubidosa que as anteriores, pero de
meirandes proporcións (sobresae do chan 2,26 metros). Está situada dentro dunha
finca na marxe dereita da pista que leva á igrexa de Andabao, e colocada ó
carón dunha poza artificial para regadío.
Correspóndese cunha pedrafita, ou cun batolito granítico modificado, que conta cun deseño moito máis tosco cas
anteriores. Presenta sección ovalada,
caras redondeadas e engrosamento progresivo dende o cumio ata a base. Na
súa superficie distínguese diversas diaclases naturais, pero tamén algunhas
marcas na parte superior, en sentido máis ou menos concéntrico, que poden
corresponderse con pegadas do labrado/modificado do batolito natural.
Parece ser que ademais destas tres pedras, cando se fixeron os traballos
da parcelaria, apareceron máis desta mesma natureza, e que tamén se
identificaron outras pedras de forma máis ovoide, e non tan ben definidas, pero
bastante estilizadas que poderían ter estado chantadas formando parte dun
monumento complexo, a modo de círculo lítico ou crómlech, ou doutro tipo de
estrutura conformada pola combinación intencional de pedrafitas. A cuestión é
que este complexo de Andabao debe ser analizado con cautela, debido á perda do
contexto arqueolóxico orixinal, pero ó mesmo tempo resulta canto menos
chamativo que aparecesen varias pedrafitas nun espazo próximo e concreto, que
fai que se considere a existencia dun monumento desaparecido.
No MAPA PREHISTÓRICO DE MELIDE, de Vázquez Carballido sinálanse
rodeados por un círculo os castros desta comarca, e salpicados entre eles
varios restos arqueolóxicos: túmulos ou mámoas, monumentos megalíticos, altares
naturais e druídicos, peñascos con escavacións no seu parte superior (PENA MOURA de A Moruxosa,
con diversas lendas), ...
...pedras abaladoiras, menhires ("Marco do Hospital: menhir nunha mámoa"),
restos pelásgicos [= ciclópeos]... O
mapa acompáñase dunha lista na que se identifican os lugares. O tremendo
despregamento de restos que identificou Carballido no seu mapa, motivou que
Bouza-Brey pronunciásese con moita precaución sobre eles: "desbotando a priori aqueles, aos que, sinalados n'el cos nomes de
cromlechs, menhires, altares e restos pelásgicos, temos que ollar con moita
prevenzón".
MAPA PREHISTÓRICO DE MELIDE |
Os que se aventuren a coñecer este lugar, poden facelo seguindo a RUTA DE ANDABAO, e deben saber que se van atopar co mellor da
parroquia.
Dende o último punto, e seguindo a carón dun frondoso souto, chégase o
lugar da Torre. Aquí érguese a IGREXA PARROQUIAL DE SAN MARTIÑO rodeada
do cemiterio onde conviven a parroquia
dos mortos e a parroquia dos vivos. Igrexa de estilo barroco, de planta de
salón. Na fachada, un pequeno van rectangular ilumina o coro alto, e remata cunha espadana dun corpo formada por dous arcos de medio punto sobre machóns onde leva as campás e rematada cunha cruz de pedra. Para o acceso o campanario ten unhas escaleiras de recente construcción que distorsiona co conxunto.
A fachada alónxase do habitual na zona ó dispoñer dunha porta de ingreso formada por un gran arco de medio punto rematado por un frontón triangular partido sobre esbeltas columnas apegadas sobre un alto basamento. Rompendo o frontón triangular temos unha doble pedra de sillería cunha cruz esculpida.
Vinculada á Casa da Torre do mesmo nome que o escudo da súa capela maior.
Este ESCUDO cun bo estado de conservación, pódese ler unha inscrición
coa data: “HIZOSE AÑO DE 1807”, probablemente ano da súa finalización.
No exterior do adro, atópase o campo da festa cun sinxelo CRUCEIRO
no medio. Algúns castiñeiros e freixos, dan sombra cando o calor do verán
apreta.
A úns metros da igrexa sitúase a CASONA DA TORRE (Coordenadas: 43º
01' 36.9" N - 8º 07' 36.9" W), de reciente restauración segue
conservando da estrutura orixinal da fortaleza: o pombal, un hórreo de grandes
dimensións e un gran balcón de época no seu lateral, así como árbores frutais e
prantas que falan da grandeza da propiedade.
Na fachada obsérvase un escudo de
armas en bo estado de conservación, que fai referencia á antiga nobleza que aquí
moraba, probablemente, os Condes de Maceda. Os donos da torre de Andabao foron don Juan Varela e a súa esposa dona
María de Boado, que posuían tamén as casas de Montouto e San Pedro de Présaras.
Na ruta tamén se visita a misteriosa CAPELA DA ARENTÍA,
baixo a protección de San Cidre (San Isidro Labrador) e
á súa dona Santa
María da Cabeza. É un templo de certa entidade, duns 22 metros de longo por
8 de ancho, orientado ao suroeste. Destaca, sobre a fachada máis moderna, unha
porta principal con arco de medio punto abocelado (con molduras cilíndricas) -
o que nos indica unha feitura románica dos séculos XII - XIV -, no seu lado
esquerdo apréciase unha esquematizada e desgastada CRUZ CÉLTICA PATADA,
signo típico da ORDE DO TEMPLE, no seu dereito, puido ter algún tipo de
gravado xa que se distingue que foi desbastada a pedra.
Imaxe tomada desta páxina: ttp://anosahistoria.blogspot.com/2011/01/arentia-deusa-castrexa-e-templarios-nas.html |
A devoción a San Cidre ten unha relación cos templarios moi marcada, xa
que é un santo contemporáneo destes. Logo da batalla das
Navas de Tolosa, onde os templarios tiveron unha actuación destacada, a lenda
di que foi San Isidro o guía dos cristiáns na batalla, os templarios veneraron
tanto a San Cidre coma á súa dona Santa María da Cabeza e ao seu fillo San
Illán.
Preto da capela a uns 20 metros hai unha FONTE (lamentablemente
reconvertida en lavadoiro no século XX) da que destaca un frontón triangular
cun oco no centro onde se atopa unha figuriña de madeira labrada de San Vitorio
vestido de monxe cunha cruz grega no peito, a fonte ten tres canos (un xa non
bota), cada santo ten o seu, máis só o de San Vitorio ten propiedades
curativas.
Imaxe tomada desta páxina: ttp://anosahistoria.blogspot.com/2011/01/arentia-deusa-castrexa-e-templarios-nas.html |
Ao nordés da capela, distante uns 120 metros, atópase un CRUCEIRO
de factura sinxela presidindo o descampado da festa. Hoxe en día festéxase o día de San Cidre cunha
romaría o 16 de maio, hai procesión arredor da capela e xantares populares,
soen ser dous días de festa de moita sona na comarca.
Imaxe tomada desta páxina: ttp://anosahistoria.blogspot.com/2011/01/arentia-deusa-castrexa-e-templarios-nas.html |
Para finalizar, sinalar que nesta
parroquia vén celebrando O
FESTIVAL DA LUZ, unha experiencia única e solidaria na que Luz Casal
convídache á súa casa natal para gozar dun festival para todas as idades. A
infraestrutura dun gran festival trasladada á esta pequena localidade na que
por uns días as parcelas agrícolas se transformarán no escenario dunha das
citas culturas máis atractivas do ano.
Mais este evento non só é música, senón que ten cabida actividades
dirixidas ao público de todas as idades e a mellor gastronomía de Galicia. E non
remata aquí, pois o festival tamén reflexa o compromiso dos
patrocinadores co desenvolvemento do medio rural, ao incluír na oferta do
festival unha mostra das ideas máis innovadoras que se están a levar a cabo no
rural.
Co paso dos anos foi gañando moito a ZONA INFANTIL que conta cun gran
numero de actuacións e actividades ao longo de toda a xornada, malabares, mimo,
talleres de todo tipo, xogos populares, hinchables,....
Esta entrada quero dedicarlla con especial agarimo ao meu veciño Álvaro
e á miña compañeira de traballo Luisa, naturais destas terras. Nunca esquezades
as vosas raíces!
INFORMACIÓN RECOGIDA DE LOS SIGUIENTES ENLACES
VISITA OTROS
SORPRENDENTES LUGARES DEL MUNICIPIO DE BOIMORTO EN ESTE ENLACE, CON UN MAPA
PARA LLEGAR A CADA UNO DE ELLOS.
Un post muy interesante, debería ponerse en valor la verdadera riqueza de esa zona. Estoy segura que no muchos conocen está información.
ResponderEliminarMuchísimas gracias por tu comentario Vilanine! Estoy completamente de acuerdo contigo, es una zona que tiene mucho patrimonio tanto natural como arquitectónico y arqueológico.
EliminarAndo a procura de informacion localizacion de pedrafitas en Galicia e casi non hay nada opbrigado
ResponderEliminarAnxo, nesta páxina: http://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html podes atopar moita información. Un saudo!
ResponderEliminarGracias
ResponderEliminar