O cruceiro é un dos monumentos máis fortemente enraizado na terra e na
cultura galegas, intimamente vencellado á paisaxe rural galega. Xorde nos máis
inesperados recunchos e constitúese en obxecto de respecto e devoción
populares. Hoxe séguense a esculpir e plantar en prazas, xardíns e propiedades
particulares pero xa cun obxectivo decorativo nada máis, ou para homenaxear a persoas ou outra poboación, como no caso deste que
nos ocupa.
O Cruceiro da Ponte, como nos indican na páxina de PATRIMONIO GALEGO, e un cruceiro de tipo “De Crucifixo” realizado
todo de granito e cun moi bo estado de conservación. Presenta unha plataforma
cuadrangular dun chanzo na que parte un troncopiramidal cuadrangular,
levantándose un templete de catro columnas ovais, que sosteñen unha plataforma
cuadrangular moldurado con cuarto bocel e mediacana. Sobre esta plataforma, un
pedestal cúbico coa parte superior moldurada cun cuarto bocel, sostén un varal
cuadrangular achafranado.
No varal, pola parte do anverso, presenta unha imaxe dun Santiago
Peregrino,...
... á dereita unha Virxe do Carme...
... e á esquerda un Cristo Salvador.
O capitel é troncopiramidal invertido e presenta en cada esquina, unha
figura dun anxo alado que sostén a parte superior. A súa cruz é cilíndrica e no
anverso presenta un fermoso DESENCRAVO, co Cristo Crucificado con dous
cravos estando a man dereita caída por detrás dun anxo que o abraza, mentres
que a man esquerda permanece sobre o brazo da cruz con outro anxo intentando
desencravalo. Outros dous anxos coas ás estendidas, sosteñen sobre a cabeza de
Cristo a cartela coas siglas INRI.
Polo reverso da cruz fica a Inmaculada cunha coroa radiante e os dedos
das mans entrelazados. Está enriba dunha peaña sostida por dous anxos con ás.
Unha placa inserida na súa base sinálanos o motivo polo que inaugurouse o
día 26 de maio de 1996, este SANTO CRISTO DA BOA VIAXE.
Noutra podemos ve-las intencións que levaron ó cura párroco de Gres, don
Perfecto Lodeiro López, a construcción de semellante obra, pola que pagou dous
millóns catrocentas mil pesetas.
A parte baixa da obra, foi realizada polo contratista señor Santos, con
taller en Penaboa. La parte alta, capitel e cruz con figuras, así como as imaxes
que están pegadas o varal, son da autoría de Eladio Martínez Arosa, que ten o
seu taller na parroquia pontevedresa de Bértola, no lugar de Santa Marta, no
concello de Vilaboa.
Dende eiquí observamos a silueta da PONTE
LEDESMA, unha fermosa ponte medieval que atravesa o
río Ulla polo antigo camiño real de Santiago a Lugo, que conta cunha importante
historia, zona de paso no tempo dos romanos, priorado visitado polos arcebispos
de Compostela e escenario da batalla contra os franceses.
E por último, pouco antes de pasar por baixo da ponte, o río configura a
fermosa paisaxe das ÍNSUAS DE GRES, unha área recreativa e praia fluvial que amosa
unha incrible beleza paisaxística.
INFORMACIÓN RECOLLIDA DAS SEGUINTES LIGAZÓNS
Entre
encravamentos profundos e desencravos amorosos Escrito por Estanislao
Fernández de la Cigoña Núñez
No hay comentarios:
Publicar un comentario