PENA ROLDÁN, GUITIRIZ

No lugar da Pena Fachada, parroquia de Os Vilares, en GUITIRIZ, hai unha peneda enorme con tres grandes fendas lonxitudinais; o paso do tempo provocou que un anaco da rocha se desprendese e quedase pousado no chan. É digna de ver, sobre todo se coñecemos a súa LENDA.


A pena chámase PENA ROLDÁN pois, segundo a lenda, cando Roldán, nos seus últimos anos de vida, regresaba de axudar ao apóstolo Santiago nas campañas contra os mouros, pasou polo lugar e quixo deixar unha mostra do seu paso. Coa coa súa espada ”Durandarte fíxolle as tres fendas á pena e aínda lle deixou riscada unha cruz na parte superior. Tamén se di que quen sube ao alto da rocha pode ver as pegadas das ferraduras do seu cabalo. Créese incluso que foi enterrado cerca do lugar, de feito aínda pódese oír como algo trona e fala na rocha como si alguén, de novo subira cun cabalo enriba da rocha”.¡Quen sabe!


Outro Roldán menos lendario, quixo achegarse a coñecer o lugar, pero este tivo que desenfundar, non a súa espada, senón o seu paraugas, pois a choiva non daba tregua para gozar do fermoso lugar dunha maneira máis plácida.



A finais do século XIX construíse ao lado da pena unha casa, actualmente propiedade de Agustín, Agustín de Roldán, e de Sara, a súa dona.


Se Roldán tivese existido, sería sobriño do emperador Carlomagno e un dos seus homes de confianza; un paladín, un dos Doce Pares. Viviría no século VIII, pasaría a súa curta vida loitando contra os mouros e acabaría morrendo na batalla de Roncesvalles un quince de agosto. Un poema épico máis antigo escrito en lingua romance en Europa, a “Chanson de Roland, probablemente escrito no século XI convertiuno en mártir, santo e paradigma do cabaleiro cristián que combate ao inimigo relixioso. A literatura e a transmisión oral convertírono nun heroe popular; as súas fazañas, aínda que o parezan, non son deste mundo.


En Galicia, como en case toda Europa, a figura de Roldán popularízase ao abeiro da propaganda do cristianismo que nos relata as fazañas bélicas contra os mouros islamistas e tamén, todo se mestura, contra os seres míticos chamados mouros e mouras, unha representación imaxinaria dos antigos pagáns. Existe un amplo e variado corpus lendario que o sitúa en varias ducias de lugares de Galicia, sempre asociado a proezas lendarias. Roldán acompaña a Santiago nas batallas, asolaga Malverde, a cidade afundida na LAGOA DO CARREGAL. Enámorase de tres costureiras do lugar de Puxares, QUIROGA, e fai que o río Xares mude o curso; mais elas autopetrifícanse en seixos brancos. Cando Roldán decide regresar, antes de pasar por Guitiriz, cruza Caínzos, en Aranga, e onde agora está a CAPELA DE SAN VITORIO deixa a pegada xigantesca do seu pé enterrada na pedra coma se esta fose de manteiga. O seu cabalo aínda pegou un chimpo ata Pena Ferreira, monte da mesma parroquia pero afastado deste lugar.



Nesta parroquia abundan as festas e romarías, ademais das patronais, a máis coñecida e singular é a “Romaría labrega da Chaira” celebrada na carballeira do Cancelo, onde se fai unha exhaltación e recuperación da tradición popular galega, así podemos ver demostracións de como se mallaba a principios de século, ou  concursos de animais como por exemplo,concurso de cans ou de vacas, e tampouco debemos esquecernos dos xogos populares que se fan neste día.

INFORMACIÓN RECOLLIDA NAS SEGUINTES LIGAZÓNS




VISITA OUTROS SORPRENDENTES LUGARES DO CONCELLO DE GUITIRIZ NESTA LIGAZÓN, CUN MAPA PARA CHEGAR A CADA UN DELES.

No hay comentarios:

Publicar un comentario