Trátase dun recinto sagrado do século XIX, de amplas proporcións, que funciona como SANTUARIO no mes de setembro e como IGREXA PARROQUIAL o resto do ano.
O frontis dispón de tres portas de acceso, unha para cada nave, e culmínase cunha torre-campanario de dous corpos.
Neste recinto sagrado conmemóranse unha serie de festividades durante o mes de setembro. Así o día oito, o segundo domingo, e o terceiro ou cuarto domingo do devandito mes, celébranse as FESTIVIDADES DA NOSA SEÑORA DO LEITE, tamén coñecida como a Nosa Señora da Nai de Deus do Leite, e a da Virxe da Saleta. A crenza popular refírenos «que a Virxe do Leite é avogosa das mulleres, que van parir e tamén dos animais do leite. De aí que lle ofrezan á Virxe do Leite moitos queixos».
Para manifestar este sometemento ao poder sacro, os ofrecidos en xeral cumpren aquí, o mesmo que noutros santuarios romeiros, cunha serie de prácticas RITUAIS destinadas a impetrar a axuda dos diferentes entes sagrados ou agradecer o favor xa recibido. Un que nos chamou a atención consiste en pasar, un número indefinido de veces, por unha abertura situada baixo o camarín adicado á advocación da Virxe do Leite e ao Ecce Homo.
Calquera centro romeiro perpetúa e amplía a súa fama mediante RELATOS ORAIS E LENDAS que circulan entre os devotos. E este santuario non é unha excepción, pois está vinculado desde hai moitos anos a unha narración dun feito portentoso, acaecido ao carón da fonte do Santuario. «Hai moitos anos apareceuse a Virxen xunto á fonte, o que deu lugar a que os veciños da zona lle construíran un templo cerca dese lugar. Dicíase que a Virxen estaba situada frente a unha ventá pola que contemplaba a fonte. Un día a xanela foi tapada, o que deu lugar a que a Virxen aparecese de novo na fonte. Desde que a fiestra foi de novo aberta, a Virxe xamais volveu deixar o templo».
Foto da páxina: https://www.elprogreso.es/articulo/ulloa-melide/milagros-que-nacen-en-el-agua/201810242133161340402.html |
Por outra banda esta lenda, ao igual que outras, tiña como función crear a sacralización histórica dunha imaxe e dun lugar, usándose tamén como barreira na memoria popular para esquecer o posible culto pagán, dedicado ás augas, existente naquel lugar. Sobre este posible culto precristián cómpre mencionar que na freguesía de San Martiño de Cubrián, preto do seu anexo de San Breixo, encontrouse unha ara votiva.
Bandue B/olecco / Sulpic^ius / Si^nceru^s c. / u.s.l.m. Curbián (Palas de Rei, Lugo). Se conserva en la misma localidad, en la casa rectoral. Fotografía: Manuel Ramírez Sánchez. |
Nos días de festividade no santuario a procesión circunvala o CRUCEIRO DE SAN BREIXO e logo volta ao seu lugar de orixe. A procesión ten como finalidade sacar ao exterior non só a imaxe, que atrae as ofrendas ao santuario, senón tamén outras, que se atopan no recinto sagrado. Todas santifican o espazo que percorren, proporcionando unha enerxía beneficiosa a todos os elementos —persoas, animais…— que se atopan no percorrido.
Fronte a este atópase o ORATORIO
DA SANTA CRUZ, no que pódense ver tres cruces latinas de madeira
relacionadas cunha misión celebrada polos Pais Capuchinos no ano 1927.
Coordenadas: 42º 52' 05.9" N - 7º 55' 37.9" W
TODA A INFORMACIÓN INCLUÍDA NESTA PUBLICACIÓN, FOI RECOLLIDA DAS SEGUINTES LIGAZÓNS:
O complexo artístico-relixioso de San Breixo. José Manuel
Blanco Prado
Nombres de divinidades locales en el noroeste español. María Cruz González-Rodríguez
No hay comentarios:
Publicar un comentario