Aínda que esta non sexa a FERVENZA máis alta de Galicia, destaca
pola súa beleza e polo fermoso lugar no que se atopa.
Chegar ata este feiticeiro paraíso natural é moi sinxelo, só hai que
seguir a estrada LU-540 que une as localidades de XERMADE, situada na
comarca da Terra Chá, coa VILA DE VIVEIRO, situada na franxa costeira da
Mariña Occidental. No pronunciado descenso do porto da Gañidoira e tras salvar
o río Xestosa, aparécesenos o indicador de Concello de Ourol e do Km 20. Uns poucos
metros máis adiante, á dereita, atópase o letreiro que nos anuncia o enclave. Xa
no tramo da vella estrada, e collendo á esquerda, veremos o indicador da
baixada á fervenza.
Desde ese punto sae un atractivo carreiro que, baixando por entre os
piñeiros, nos leva ao pé da caída.
O Río da Xestosa ou de Xanceda cando abandona o concello de Muras e
adéntrase no de Ourol, ten que atravesar unha zona de rochas resistentes que o
obrigan a dar varias voltas e a botarse por distintos desniveis.
O máis grande é este de 20 m, no que forma esta fermosa fervenza, pouco
antes de xuntarse co Landro.
O río Landro nace entre o cume do Xistral e o Coto Balsego, onde recolle
augas das turbeiras, brañas ou tremoais (como lle chaman na zona a este hábitat prioritario que na actualidade, dentro da Península Ibérica,
atópase restrinxido a esta serra) da serra do Xistral. Moitos dos seus 16 afluentes baixan por vales encaixados formando pozas e saltos.
INFORMACIÓN RECOLLIDA DAS SEGUINTES LIGAZÓNS
http://terrasdomino.deputacionlugo.org/docs/descubre/fichas/2A-analisis_valoracion_serra_xistral.pdf
VISITA OUTROS
SORPRENDENTES LUGARES DO CONCELLO DE OUROL NESTA LIGAZÓN, CUN MAPA PARA CHEGAR
A CADA UN DELES.
No hay comentarios:
Publicar un comentario