Onde esta situada esta fermosa Capela, é un dos lugares máis emblemáticos
de Guitiriz. O santuario enseñorea un recanto, afastado da carretera, polo que
as e os que queiran mergullarse na súa mistica, teñen que facer camiño e
deixarse envolver por este ambiente.
A LENDA conta que no lugar de
Bascuas, nun tempo e momento indeterminado, se apareceu unha virxe, á que a
xente lle empezou a chamar a Virxe de Bascuas.
Nun principio o Santuario era unha
Capela, e nos S.XII-XIII reformouse, converténdose posteriormente en Ermida de
construción Románica, do que aínda queda boa mostra no edificio actual, que foi
agrandado no S. XIV.
O santuario foi centro de peregrinación ata comezos do S.XX e debido a
gran afluencia de fieis que tiña, os señores de Guitiriz e Baamonde donos do
territorio no S. XVIII decidiron dotalo dun eremitorio para que o capelán
puidese atender as moitas necesidades dos fieis o que motivou que se ampliara a
capela.
A edificación comprende nave, prebisterio e sancristía. O centro do
edificio, onde se atopa a porta de acceso e o campanario, é a parte máis antiga
que se conserva en pé, suponse que erguida sobre unha ermida anterior, cunha
estrutura moito máis rústica. Na parte alta do Pórtico houbo unha vivenda para
o ermitaño cá atendía.
O culto en Bascuas podería ser incluso anterior ó cristianismo, xa que
durante unhas obras de restauración dos 90 acháronse, en escavacións unicamente
superficiais, pedras de muíños romanos ou unha estela, convertida no lintel
dunha das portas da sancristía. Datada do século III d.C., na ESTELA FUNERARIA
galaicorromana podemos apreciar a dobre división característica, un espazo
enmarcado para a figuración e outro para o epígrafe. Na figuración distinguimos
a representación do sol, acompañado simetricamente por dous círculos e coroado
pola lúa, mentres que na parte inferior apreciamos dous arcos que, nestes
casos, se identifican coas portas do máis alá. Baixo a figuración atopamos a
inscrición latina: “D(iis) M(anibus) S(acrum)/SEVERI/NA AN/NO(rum) XCI
(nonaginta unius)”; “Consagrada aos deuses Manes, Severina morta á idade de 91
anos”.
Hoxe o Santuario tamén é MUSEO onde se poden observar imaxes da
Virxe do S.XVI, San Xosé e Santo Apóstolo do S.XVIII, escudos, obxectos
litúrxicos así como vestimenta relixiosa.
Entre as moitas tradicións que se lle atribúen a este santuario a máis
importante foi o poder atribuído a súa CHAVE para curar as persoas que
foran mordidas por cans con rabia. Contan os devotos cá auga que mana da FONTE
DA VEIGA nas proximidades do santuario ten poderes curativas e moitos son
os que a collen o día da romaría para levala a súa casa. Mentres, o pé da
ventá, permanece aberto, convidando a ser lida, unha tese de doutoramento sobre
as chaves elaborada na Universidade de Murcia. E tamén colgan as propias
chaves, coma aquela con forma de cruz que gardaba o sacristán e non abría
portas, senón que se usaba para marcar na fronte ó can con rabia e tamén ó
humano que tivese a mala sorte de que lle trabase, un rito propio de Bascuas.
A redor do Santuario permanecen expostas obras realizadas polo Taller de
Cantería de Xermolos, que constitúen unha especie de museo o aire libre. A só
uns metros, un San Francisco de Asís olla a ermita.
Amosa un capitel
de forma troncopiramidal, e a figura de cristo na cruz ca cabeza da efixie inclinada
ó lado dereito; as mans aparecen pechadas, o perizoma anoado ó lado dereito e o
pé dereito sobre o pé esquerdo.
No entorno celebrase os días 14 e 15 de agosto, a “Romaría popular da Nosa Señora de Bascuas”,
tamén chamada “Festas das Nosas Raíces”.
Tamén se festexa o día da Anunciación da Virxe, o 25 de marzo, no que se seguen
a oficiar varias misas ó longo da xornada.
Esta capela de Bascuas,
non che hai outra coma ela,
preparouna o noso cura,
mesmo parece unha igrexa.
Renovoulle as paredes.
Mais tiveron que lousala.
Se non fora don Alfonso,
estaba toda arruinada.
Ao pasar a porta pra dentro,
vese toda restaurada.
O que a vira antes e agora,
non a coñece pra nada.
Restauraron o altar,
e pintaron os santiños,
antes parecían mortos,
e agora parecen vivos.
Nesta capela de Bascuas,
dentro hai unha Santiña.
O día 15 de agosto,
fáiselle unha romaría.
Santiña de Bascuas,
Santiña moi avogosa.
Esta hai que respectala.
E tamén che ten unha chave.
O que se marque con ela,
xa lle pasa o mal da rabia
Antes tíñancha os cans,
e tamén cha tiñan os gatos.
Se non fora esta Santiña,
pasábamos malos ratos.
Este éche un sitio tranquilo.
Aquí non che queren líos,
tampouco che queren guerra.
O que cha queira facer
que siga pola carretera,
e que non mire pra atrás.
O que fai mal
ten que pagalo.
Se non xa o saberás.
INFORMACIÓN RECOLLIDA NAS SEGUINTES LIGAZÓNS
VISITA OUTROS
SORPRENDENTES LUGARES DO MUNICIPIO DE GUITIRIZ NESTA LIGAZÓN, CUN MAPA PARA CHEGAR A CADA UN DELES.
No hay comentarios:
Publicar un comentario