Preto da igrexa medieval de SAN
MARTIÑO DE NEIRA DE REI, atópase esta ponte do século XVIII, que salva o río Neira no antigo
camiño de Becerrea a Meira.
Construída en granito e xisto, ten un arco de medio punto con luces de
11,50 metros, unha lonxitude de 29 metros e unha anchura de calzada de 3,80
metros.
Amor Meilán ten relacionado esta ponte coa calzada romana que discorría polo municipio, mesmo Pardo de Neyra fala dunha pedra de feitura romana coa inscrición: FACERE IVSIT=AUGUSTUS=IMPER.ANNO C. XII, que non se atopou aínda, pero hoxe considérase unha construcción medieval.
O que si está ben documentado é que por esta ponte pasaba o Camiño Real. Nas inmediacións consérvanse as ruínas do mazo que lle deu nome tanto á aldea como á ponte, unha antiga ferrería que funcionou dende mediados do século XVIII ata finais do XIX.
No mes de xuño de 2016, o Colectivo Patrimonio dos Ancares solicitou a declaración como BIC para esta ponte, proposta que foi aprobada por unanimidade polo Pleno do Concello de Baralla.
Situada nunha contorna natural de gran beleza, nas inmediacións da ponte veremos o Pozo dos Mulos, que recibe o nome porque era onde levaban estes cuadrúpedes a bañar. Tamén está o Pozo dos Homes, utilizado só por varóns no verán para bañarse. Un pouco máis adiante atópase unha pequena presa que recibe o nome de O Bañón.
Alí tamén vimos un hórreo dos
coñecidos como hórreo asturiano e moi común na Comarca dos Ancares. Trátase dunha
construción de planta cadrada que consta dunha cámara de madeira, moitas veces
con corredor, que se sostén sobre catro pés troncopiramidais de madeira ou
pedra (pegallo) e baixo os cales se aproveita o espazo para gardar leña, o
carro ou os apeiros de labranza. As paredes adoitan ser de tablóns, reforzados
nas esquinas, con respiradoiros que poden ser pequenos buratos ou elementos
decorativos, sen fendas de ventilación como é característico no hórreo galego.
O tellado, a catro augas, é de lousa ou palla (colmo), rematado, ás veces, por
un pináculo de pedra labrada. Sobre o piar colócase o tornarratos (coñecido
tamén como tolda, rateira, moa...), unha pedra grande, plana e xeralmente redonda,
para impedir que os ratos e outros animais poidan entrar. Para acceder á
cámara, se é por medio dunha escaleira fixa, tense o coidado de deterse a unha
distancia suficiente para illala dos animais; se ben o sistema máis común para
subir é por medio dunha escada de madeira. Ademais de como despensa, en varios
sitios dos Ancares utilizábanno para depositar o corpo do defunto mentres non
se celebraba o enterro; ademais de teren espazo suficiente, era un lugar limpo
e onde os ratos non podían chegar.
Coordenadas: 42º55'45''N / 7º12'5''W
INFORMACIÓN RECOLLIDA NAS SEGUINTES LIGAZÓNS:
http://arqueoloxiadosancares.blogspot.com/2011/01/pontes-da-comarca-dos-ancares.html
http://historiadegalicia.gal/2016/06/piden-declaracion-como-bic-de-duas-pontes-en-baralla/
http://arqueoloxiadosancares.blogspot.com/2011/01/pontes-da-comarca-dos-ancares.html
https://arqueoloxiadosancares.blogspot.com/2011/01/etnografia-da-comarca-dos-ancares.html
VISITA OUTROS SORPRENDENTES LUGARES DO MUNICIPIO DE BARALLA NESTA LIGAZÓN, ONDE ATOPARÁS UN MAPA PARA CHEGAR A CADA UN DELES.
No hay comentarios:
Publicar un comentario