UNHA VIAXE AO PASADO, ARTEIXO

 

Arteixo atesoura un inmenso patrimonio, como dan mostra os seus dezanove castros catalogados, antigas pontes, importantes representacións do románico, cruceiros, hórreos, etc, ou tamén, xacementos arqueolóxicos menos coñecidos, pero non por iso menos importantes, que espertaron o noso interese e que desexamos mostrarvos nesta pequena viaxe no tempo.

Hai que dicir que, o Concello de Arteixo xa estaba habitado no período Mesolítico e daqueles tempos quedan os restos do CAMPAMENTO COSTEIRO DO REIRO (Santaia de Chamín), que datan dos anos 10000-5000 a.C. Un dos poucos campamentos costeiros da provincia da Coruña.



O sitio presenta unha ampla dispersión de materiais, sobre todo industria lítica en cuarzo e cristal de rocha. Tamén hai algúns restos orgánicos (cervos, xabarís ou vértebras de peixes...). Algún dos restos achados atópanse expostos no MUSEO ARQUEOLÓXICO DA CORUÑA e no MUSEO DE PREHISTORIA E ARQUEOLOXÍA DE VILALBA, do que desgraciadamente perdemos as fotos da nosa visita.

Como vemos, por fortuna, houbo quen de atopar pegadas que permítennos viaxar ao pasado, sendo primordial, destacar os numerosos achados realizados polo ilustre arqueólogo e profesor don Luís Monteagudo GarcíaNunha das suas excursións ao concello, arredor do 1943-1944, atopou no lugar de Rocheira (Loureda) un MACHADO CLACTONIENSE.

Aproximadamente sobre o ano 1945, rexistra seis MACHADAS das nomeadas de “tope/talón” do Bronce Final, descubertas por uns labregos do lugar cando empezaran a achanzar, naqueles días, os terreos do Castro das Croas que serían destinados posteriormente ao uso agrario. Desgraciadamente, descoñece a localización actual das machadas.

Tempo despois, co título Importantes descubrimientos arqueológicos en Arteixo, relataba un paseo realizado o 10 de setembro de 1950, e que foi publicado cinco días despois no xornal “La Voz de Galicia”. O devandito artigo comeza así: Paseo fructífero el del domingo día 10. Entre Suevos y Arteixo hemos descubierto siete petroglifos (grabados en piedra) y dos mámoas (enterramientos dolménicos bajo túmulos).

Como ben di Xabier Maceiras no seu blogue "Crónicas de Arteixo”, estes tesouros permaneceron agochados durante case setenta anos, mais afortunadamente, o veterano Grupo de Arqueoloxía da Terra de Trasancos, serían quen de redescubrir, hai poucos anos, este pequeno anaco da arqueoloxía galega, e neste artigo, quixéronlle facer un sentido homenaxe ó Profesor e Investigador D. Luís Monteagudo, mostrándonos o grupo de petroglifos prehistóricos e históricos por el publicados no ano 1950, ó tempo que amosan outros gravados rupestres dos que tiveron coñecemento no concello, e que nós tivemos a fortuna de coñecer, grazas as publicacions do mencionado Xabier e ao blog Megaliticia, do noso tamén amigo, Alex Negreira.  

Dos primeiros que dan conta son do GRUPO ADRO VELLO (San Martiño de Suevos). Aínda que no artigo do xornal, tan só se nomea unha pedra con gravados, nos debuxos de Monteagudo son dúas.  Na actualidade crese que ámbalas dúas pedras desapareceron trala construción da vía do porto exterior de Punta Langosteira. Estas formarían parte dun valo de pedras, ó igual que o PETROGLIFO DO MONTE DA CANLE – BORROA (Santa María de Pastoriza), unha rocha exenta situado xunto a un camiño. Foi localizada durante a prospección do gasoduto da Coruña no 1999 e permaneceu in situ ata a realización das obras da estrada do Porto Exterior de Punta Langosteira en 2010, cando grazas á mediación da Asociación Cultural Monte da Estrela, trasladouse ao MUSEO ARQUEOLÓGICO DA CORUÑA no ano 2010. Ten unhas dimensións de 75 de longo x 49 de alto x 10 cm de grosor; nela represéntase unha pequena combinación de dous círculos concéntricos de 19 cm de diámetro cun suco de saída.

O relato do paseo de Luis Monteagudo continúa: “De Suevos, por Rañobre y Oseiro pasamos a Arteixo y seguimos por la carretera hasta el kilómetro 13 en cuyas inmediaciones se explotan aluviones y filones de estaño y wolfram (más propiamente casiterita). A unos 300 metros al Norte de la carretera se encuentra la caseta de la mina La Rosa”. Monteagudo sitúa non moi lonxe desta mina, abandonada despois de Segunda Guerra Mundial, o GRUPO MINA LA ROSA/MONTE DOS ALLOS (Santiago de Arteixo), importante grupo de gravados rupestres do denominado Grupo Atlántico.

Nos da MINA ROSA 1 podemos ver varios gravados conformados por combinacións circulares e cazoletas.





Na MINA ROSA 2 ollamos combinacións de círculos concéntricos, máis pequenas cazoletas, unha delas cun semicírculo.









Por último, na MINA ROSA 3 pódese apreciar combinacións de círculos concéntricos con cazoleta central e suco de saída.

No artigo de Luis Monteagudo dise: “Son importantísimos los petroglifos del monte dos Allos por su indudable relación con la explotación del estaño (como los de Pontevedra) y sobre todo por ser los más norteños de los hasta ahora estudiados en Galicia del grupo gallego (combinaciones circulares, principalmente círculos concéntricos), por tanto los más próximos a Irlanda, Inglaterra y Suecia. Hasta ahora los más septentrionales eran los que hemos estudiado con R. Sobrino, en Ames y los que éste descubrió recientemente en el monte Pedroso, al N de Santiago”. Pero todo muda a finais do século pasado, ca aparición dunha cantidade importante de gravados de arte rupestre no CONCELLO DE VILARMAIOR polo veterano Grupo de Arqueoloxía da Terra de Trasancos  (varios dos seus membros acharon 134 pedras con inscricións prehistóricas nunha superficie de 2,5 quilómetros cadrados), converteron este pequeno concello nun referente dentro da arte rupestre galega. A gran maioría representan o mundo xeométrico do cal aínda se descoñece a súa significación, como os xa publicados neste blogue de CALVELA 2 e CALVELA 3, tendo como excepción, as figuras antropomorfas de CALVELA 1, CALVELA 4 e a localizada na CHOUSA DÁ VELLA 3.      

O relato da excursión de Luis Monteagudo, remata subindo á cima do Monte dos Allos, coñecido na actualidade como MONTE BARBEITO,...

...onde nomea a gran maioría do patrimonio do concelloDesde la cumbre del monte dos Allos, a unos doscientos metros de altitud se divisa un extensísimo y paradisíaco panorama… los siguientes sitios de interés arqueológico, que muestran la gran importancia que tiene esta comarca, transición entre las Mariñas de los Freires y Bergantiños: Castro de Muros (SW, Insúa de Suevos), Suevos, CASTRO DE PASTORIZA,...


... OSEIRO con iglesia románica de la segunda mitad de siglo XII,...

... amilladoiro de A Furoca, dos amilladoiros de O Moucho (Oseiro), Castro de Figueroa, Castro de Arteixo, dos mámoas en el mismo monte dos Allos, Castro de Feán, mámoa de Monte das Arcas, dos mámoas encima de Orro, iglesia de Loureda con retablo de Ferreiro (siglo XVIII), tres casas rectángulares medievales (?) del monte das Insúas (SW. de Erbedíns, Loureda), Castro de Santa Leocadia, MARCO D´ANTA (menhir?; 500 metros SW. de Santa Leocadia),...

... Castro de Pereira (Erboedo, Cerceda), Castro de Larín (Arteixo), IGLESIA ROMÁNICA DE LAÑAS,...

... castro de Lañas, con escorias de fundición de estaño, Rorís (donde apareció un escondrijo de diez hachas de bronce de talón con dos asas de tipo nervado y poligonal, una de las cuales con mazarota de fundición, lo que prueba fué fundida en las proximidades), castro de Monteagudo, Pazo de Anzobre, playa de Valcovo con aluvión de titano y estaño, playa de Savón, Xermaña. Por esta enumeración, apresurada e incompleta, se aprecia la enorme riqueza arqueológica y artística del Ayuntamiento de ARTEIXO

E aínda, hoxe en día, hai quen de atopar pegadas que permítennos viaxar ao pasado, e alí mesmo, na zona coñecida como O Pinar Grande dese Monte Barbeito, o xa mencionado Xabier Maceiras, emulando ao arqueólogo Luis Monteagudo, descubriu a finais do mes de outubro de 2018 o PETROGLIFO DE BAER.




 Trátase dun gravado duns 45 cms de diámetro, que mostra unha combinación de seis círculos concéntricos e un sétimo incompleto, con cazoleta central e dous sucos de saída, que se atopa nunha superficie rochosa bastante cuarteada.


Aínda hai quen de atopar pegadas que permítennos viaxar ao pasado. Como lle ocorreu a Xosé Troiano Carril (catalogador da páxina: http://patrimoniogalego.net/ ), quen na súa visita o día 23 de nadal de 2012 ao castro de Arteixo, tamén coñecido como CASTRO DE LAXOBRE, atopou fortuitamente, unha meta dun MUÍÑO CASTREXO moi ben conservada. Esta foi depositada no MUSEO ARQUEOLÓXICO DA CORUÑA para quen a queira ver.

Aínda hai quen de atopar pegadas que permítennos viaxar ao pasado, e mostrárnolas na parede exterior do xardín dunha casa de Menlle, onde obsérvase un PEDESTAL DE ESTATUA DEDICADO AO EMPERADOR AURELIANO.


A columna de granito que alberga a inscrición e non deixa lugar a dúbidas para identificar o emperador alí citado como Aureliano, parece estar completa pola parte superior, onde só sufriu algúns danos, e debe estar cortada pola inferior, aínda que algúns pedestais de estatua non deberon ter un fuste máis alto, máxime se consideramos que a esta peza habería que engadirlle aínda o zócalo e o coronamiento para formar o pedestal completo que sostiña a estatua. Tamén está seccionada a metade posterior do monumento, que foi baleirada para inserir unha cruz de ferro e reconverter a peza no adorno dunha tumba nun cemiterio, antes de aloxarse neste lugar.

O texto podería dicir o seguinte:
LV[CIO DOM}ITIO 
AVR[ELIANO] P(IO)?F(ELICI)? AUG(USTO)? 
PON[TIFICI M]AX(IMO)? 
P[ERPETUO] IMP(ERATORI)?

Reconstrución hipotética dunha parte do texto do pedestal de estatua de Aureliano. Debuxo: J. M. Abascal.

Con esta son once as inscricións hispánicas relacionadas co emperador Aureliano e estamos ante a primeira das aparecidas en Galicia, aunque descoñécese o lugar do achado. E tampouco é posible establecer unha datación exacta para o epígrafe, pero pode situarse entre os anos 274 e 275.

Pero aínda hai quen de atopar pegadas que permítennos viaxar ao pasado, tirando as paredes de pedra e barro dunha casa vella e semiabandonada da parroquia de Oseiro. Alí apareceu este GRIFÓN, emparedado como un perseguido fantasma, condenado por ser máis do que as leis divinas permiten. El, o imaxinario animal que, segundo conta Plinio na súa Historia Natural, estaba ó servicio de Apolo para coidar e defenderlle as minas de ouro, resume, nun só corpo, a maxestosidade da aguia e a soberanía do león. Pero tamén a ambición de telo todo; a ambición de posuír a forza e a valentía, a temeridade e a victoria, os bens materiais e os do espírito; o poder e o control desde o máis alto do ceo ata o ras do chan.


Este fabuloso animal, que só a mente do home, a mente máis creativa do universo foi capaz de idear, desapareceu cando Roma deixou de adorar a Apolo, e polo tanto xa non se necesitaba esta garda de elite para protexer o seu tesouro, aínda que o pobo, sempre fiel ó seu pasado, o seguise recordando e botando de menos, como tamén se botan as ilusións perdidas. E foi, san Isidoro de Sevilla entre os séculos sexto e sétimo, quen o recolleu dos libros e das lendas, para apuntar que este animal debía ser o símbolo de Xesucristo, pois que tanto un como outro son quen de reunir as dúas naturezas, a divina e a humana, nun só corpo; ambos os dous mesturan no seu ser o ceo e a terra, a inalcanzable divindade e a cotidianidade terrea. Gracias á proposta de San Isidoro, na Idade Media, o grifón entrou nas igrexas para custodiar os tesouros do cristianismo.


O grifón observa atento a quen o mira, sen soltar a cinta na que se len as palabras entrecortadas dunha mensaxe apocalíptica, que xa non lle di nada a ninguén; e hoxe, el, que outrora representou a imaxe do bo gardián, xa forma parte da fachada da nova casa, perfectamente encaixado nun lugar ben alto e vistoso, aprisionado entre o formigón, recuperado, para orgullo de moradores e disfrute de quen o vexa.



Nos muros doutra edificación, pertencente á mesma casa e que outrora parece que servía para gardar os animais, tamén puidemos observar unhas pezas moi singulares, que non se se terán algunha relación coa próxima igrexa románica de SAN TIRSO DE OSEIRO.





Agora temos que ser nós, quen de admirar, gozar e preservar estes fermosos tesouros, para que nos sigan permitindo viaxar ao pasado e coñecer máis de quen poboou estas terras moito antes que nós, colmándonos con este máxico legado.

INFORMACIÓN RECOLLIDA DAS SEGUINTES LIGAZÓNS

http://anuariobrigantino.betanzos.net/AB2017PDF/051_064_grupo_trasancos_luis_monteagudo_petroglifos_arteixo.pdf

http://www.arteixo.org/sites/default/files/documentos/1%20guia08es.pdf

http://cronicasdearteixo.blogspot.com/2018/07/os-achados-arqueoloxicos-do-xacemento.html

http://cronicasdearteixo.blogspot.com/2020/07/os-tesouros-do-lugar-da-rocheira.html

 https://cronicasdearteixo.blogspot.com/2018/08/o-castro-das-croas-de-armenton.html

http://cronicasdearteixo.blogspot.com/2018/11/o-petroglifo-de-baer.html

http://cronicasdearteixo.blogspot.com/p/castros.html

http://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/petroglifos-de-galiza_10.html

http://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/romanizacion-de-galiza.html

https://rua.ua.es/dspace/bitstream/10045/97015/1/2018_Abascal_AnuarioBrigantino.pdf

https://oschanzos.blogspot.com/2017/07/o-grifon.html

http://www.arteixo.org/gl/servizos/turismo/praias/o_reiro

https://cmatv.xunta.gal/en-curso?p_p_id=aaeRunning_WAR_aae&p_p_lifecycle=2&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_cacheability=cacheLevelPage&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeRunning_WAR_aae_accion=descarga&_aaeRunning_WAR_aae_idCodigo=4407&_aaeRunning_WAR_aae_id=1218&_aaeRunning_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D1218

https://gl.wikipedia.org/wiki/Arteixo

https://www.elidealgallego.com/articulo/area-metropolitana/reportaxe-novo-achadego-patrimonio-historico-non-deixa-medrar/20181124204650390523.html

http://megaliticia.blogspot.com/2019/01/petroglifo-de-baer.html

https://es.wikiloc.com/rutas-outdoor/petroglifos-mina-rosa-y-baer-32169474

VISITA OUTROS SORPRENDENTES LUGARES DO MUNICIPIO DE ARTEIXO NESTA LIGAZÓN, CUN MAPA PARA CHEGAR A CADA UN DELES.

No hay comentarios:

Publicar un comentario