PONTE DE CRUZUL, BECERREÁ

 

A ponte de Cruzul é a única da provincia de Lugo vinculada ao período Neoclásico, podendo considerarse como a primeira infraestrutura da enxeñería civil moderna, de vital importancia para as comunicacións da provincia de Lugo coa Meseta. Sen dúbida algunha, a ponte de Cruzul é unha das máis emblemáticas, non só do municipio de Becerreá, tamén da comarca dos Ancares, así como a mellor documentada, sendo a única das consideradas históricas da que se conservan os planos orixinais do ano 1765, depositados no Archivo General de Simancas.

No Semanario pintoresco español do 21 de abril de 1850 aparece un debuxo da ponte. Foto da páxina: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/2019/10/23/nuevo-intento-cruzul-bic/0003_201910L23C5991.htm

Foi proxectada polo enxeñeiro Carlos Lemaur que fora nomeado polo Marqués de la Ensenada como director de obras do Camiño Real entre BENAVENTE e A Coruña, en sustitución do enxeñeiro José Crame. Construída polos seus sucesores Balthasar Ricaud e Bartolomé Amphoux. As obras iniciáronse entre os anos 1776 e 1778, se ben se descoñece cando remataron, aínda que a maioría dos investigadores concordan en que a ponte estaría en funcionamento antes de finalizar o século XVIII, xa no reinado de Carlos IV. O que si está ben documentado é que estaba concluída a principios do ano 1809, durante a invasión napoleónica de Galicia.

Pertencía ao Camiño Real de Acceso a Galicia, importante obra de enxeñería desenvolvida durante o reinado de Carlos III, co obxectivo de unir Madrid con Lugo, A Coruña e Ferrol. Esta obra estaba integrada dentro do ambioso plan da Red radial de Caminos Reales que pretendía enlazar as principais cidades do reino coa capital a través de "caminos rectos y sólidos que faciliten el comercio de unas provincias a otras".

Situada sobre o río Cruzul, Ferreiros ou Narón, na segunda etapa da VÍA KÜNIG, ata finais dos anos sesenta do pasado século XX, a ponte formaba parte da antiga N-VI, deixando de utilizarse a partir de entón como consecuencia da construción dunha nova ponte e o conseguinte desvío da estrada nacional. Na actualidade só é utilizada polo tráfico local.

 Foto da páxina: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/2019/10/23/nuevo-intento-cruzul-bic/0003_201910L23C5991.htm

Ten unha lonxitude de 93 metros, unha altura de 29 metros, e un ancho de calzada de 8 metros. Nos accesos de ambos lados atópanse uns apartadoiros máis anchos ca calzada. Presenta tres arcos semicirculares de 12 metros de diámetro realizados con doelas de pedra calcaria, material que tamén se empregou no resto da ponte. 

Consta de dous piares centrais de sección rectangular de 4 por 8,5 metros que rematan nunha imposta da que arrincan dous arcos. Unha segunda imposta encárgase de marcar o perfil da calzada. Nos extremos hai uns monolitos nun corpo de forma piramidal que imitan aos leguarios e foron colocados cando a construción da ponte (na actualidade só se conservan tres dos catro que tiña orixinalmente). Deles consérvanse os exemplares de Ponte Gomeán e Demondín (O Corgo) e o situado diante do parque de bombeiros da Ciudade de Lugo. 

No centro hai un frontón coroado cunha pirámide de base rectangular que posuía unha inscrición, perdida na actualidade, que facía alusión, probablemente, á súa construción.

Esta infraestrutura camiñeira está intimamente ligada á Guerra da Independencia (1808-1814). Aínda que en Galicia a ocupación do exérccito napoleónico foi breve (menos dun ano) debido á forte oposición da Igrexa, da pequena nobreza (fidalguía) e, sobre todo, do campesiñado que, utilizando a estratexia da guerra de guerrillas, fustrigaron dende o primeiro momento da invasión, case sempre con éxito, ás forzas francesas, presión que culminou nos primeiros días do mes de xuño de 1809 coa derrota en Ponte Sampaio do, ata aquel momento, invencible exército francés. En Becerreá e no resto da comarca dos Ancares, a oposición á invasión francesa tamén conseguiu unir, nun feito sen precedentes, a clérigos e fidalgos co campesiñado. Está amplamente testemuñado que os guerrilleiros galegos apoderáronse de máis de mil fusís que os soldados franceses agocharan xunto a ponte; de feito, moitos deses fusís, coas súas baionetas, aínda se conservan en poder dalgúns veciños, e un gran número dos canóns dos mesmos foron utilizados posteriormente como tubos de desaugue de moitas casas de Becerreá. Entre os anos 1960 e 1980 funcionou en Becerreá o bar Os Chafarotes que tomou o nome polo anchos sabres, tamén procedentes das inmediacións da ponte de Cruzul, utilizados polos soldados franceses e que serviron para adornar as paredes do local. No ano 2008, o investigador José Luis Garfer, que estaba recorrendo Galicia en busca de adiviñanzas tradicionais para o seu libro O adiviñanceiro popular galego, descubriu que unha das persoas consultadas, Fernando Gabriel Fernández, de Vilar de Ousón, aldea próxima á ponte, conservaba, entre outros documentos, un manuscrito que, ao longo de 126 páxinas, recollía a travesía dun rexemento napoleónico enviado a España, autoría do xeneral francés Gerard, que ofrece o retrato do conflito bélico. Gerard tivo que instalarse temporalmente na aldea debido á neve. Un antepasado de Fernando Gabriel era coñecido como O terror dos Gabachos. Documentado está o enfrontamento dos veciños na ponte de Cruzul, cando o xeneral Pedro Caro y Sureda, III Marqués de la Romana (1761-1811), chamou á mobilización. Na aldea de Cruzul consérvase unha espadana de dous vans, á que se accede por medio dunha escaleira de pedra, cuxas campás alertaban á poboación da chegada dos franceses á ponte. Ata os anos 80 do pasado século, durante as festas do antroido, era habitual ver a veciños e veciñas disfrazados de guerrilleiros, portando algunhas armas utilizadas durante a Guerra da Independencia.

As imaxes e fotos históricas das pontes da comarca dos Ancares anteriores aos anos sesenta do pasado século XX son escasas. Desa ausencia hai que exceptuar a ponte de Cruzul, o que demostra a importancia e o prestixio que tiña, e ten, entre as xentes do concello de Becerreá. A primeria imaxe da ponte figura no libro de Adam Noel Letter from Portugal and Spain, editado en Londres no ano 1809. No libro, o xeneral británico sir Jhon Moore relata que ao día seguinte de pernoctar nas Nogais, camiño de Lugo, chegou á ponte de Cruzul onde os franceses preparaban a súa voadura. Noel fai un debuxo da ponte onde figuran catro arcos en vez dos tres cos que conta na actualidade, feito que leva á conclusión de que se puído reconstruír posteriormente, perdendeo un dos arcos. Hai que destacar que, como puído comprobar o mesmo Noel, a ponte non foi voada (como conxectura algún investigador e a tradición) polos ingleses para retardar o paso das tropas invasores dos mariscais Soult e Ney cando se retiraban cara A Coruña, o que leva a pensar que, no caso de que a lámina citada a plasmara fidedignamente, foi reconstruída debido a outras causas. 

Foto da páxina: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/2019/10/23/nuevo-intento-cruzul-bic/0003_201910L23C5991.htm

Unha lámina do século XIX representa a retirada do exército inglés pola ponte de Cruzul, fustrigado polos franceses. 

Foto da páxina: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/2019/10/23/nuevo-intento-cruzul-bic/0003_201910L23C5991.htm

Á importancia desta ponte non son alleas as LENDAS, como a que conta que cando lle presentaron as contas da ponte á raíña Isabel II, asombrouse do seu custo, dicindo que como era posible non ver obra tan cara dende o Palacio de Oriente de Madrid.

O Colectivo Patrimonio dos Ancares xa presentou duas solicitudes para que a ponte fora declarada Ben de Interese Cultural (BIC), sen ter resposta.

A ponte atópase nun espazo natural de recoñecida importancia, dentro da Rede Natura 2000 que ocupa unha superficie de 618 hectáreas, que conta coas figuras de protección de Zona de Especial Conservación (ZEC) e Lugar de Interese Comunitario (LIC). Nas súas proximidades está o coñecido como Aciñeiral de Cruzul, un aciñeiral mediterráneo nun dominio atlántico, cuxa presenza está asociada ao sustrato rochoso calizo, ademais dun souto de castiñeiros que na parte máis elevada convértese nun bosque mixto grazas á presenza de carballos. A ponte, de incuestionable valor arquitectónica, contibúe, ao fusionarse coa paisaxe, a dotar a esta zona dun gran valor histórico e ecolóxico. Nas inmediacións tamén se atopan varios bens catalogados pola Xunta de Galicia: Covas paleolíticas de Valdavara, castro galaico-romano de Vilar de Ousón, Casa-torre de Cruzul e un muíño hidráulico.

Foto da páxina: https://viamagicae.es/project/becerrea

INFORMACIÓN RECOLLIDA NAS SEGUINTES LIGAZÓNS:

 https://arqueoloxiadosancares.blogspot.com/2011/01/pontes-da-comarca-dos-ancares.html

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/2019/10/23/nuevo-intento-cruzul-bic/0003_201910L23C5991.htm

VISITA OUTROS SORPRENDENTES LUGARES DO MUNICIPIO DE BECERREÁ NESTA LIGAZÓN, ONDE ATOPARÁS UN MAPA PARA CHEGAR A CADA UN DELES.

No hay comentarios:

Publicar un comentario