SAN FINS DO CASTRO, CABANA DE BERGANTIÑOS

 

Como ben di Sandra Alvarellos Varela e nós aquí reproducimos: “É unha gran sorte vivir nunha terra rica en cultura, historia, lendas, tradicións, festas, romarías... Unha terra máxica e enfeitizada. Un feitizo que envolve e fai quedar prendado dela a todo aquel que a coñece, como San Fins do Castro, un lugar moi pequeniño, pero a pesar de ser tan pequeno, é moi grande e con moito encanto”.

No biduíral onde se atopa a CAPELA DE SAN FINS, antigamente asentábase un poboado castrexo do cal nestes intres apenas quedan restos, xa que foise derruíndo. Unha lenda que dá orixe á orientación da actual capela de ábsida e nave rectangulares, conta que no castro anteriormente citado existía unha pequena capela. Un día, un rapaz que se atopaba alí rezando foi sorprendido por unha forte treboada, que nun intre asolagou a capela. O rapaz para salvarse, gabeou ata o campanario, e unha vez alí fixo unha promesa. Prometeulle a San Fins que se conseguía saír de alí con vida, construiría unha nova capela coa entrada cara á saída do sol. Logrou salvarse e cumpriu coa súa promesa. De feito a orientación da capela de San Fins, cara á saída do sol, é atípica neste tipo de construcións e faina única en toda a bisbarra.


Na fachada pentagonal encontramos unha celosía de pedra, quizais PRERROMÁNICA.

No medio dese frondoso bosque de bidueiros, levántanse dous CRUCEIROS construídos en granito. 

O máis sinxelo, ten a plataforma e o pedestal enterrados. O varal é cadrado con chafráns. O capitel é cúbico. 

A cruz é cadrangular con brazos achafranados. No anverso, Cristo crucificado con tres cravos, cabeza inclinada á dereita, mans pechadas e pano da pureza anoado á esquerda, rodéano a Virxe e San Xoán.

O outro, que sitúase tras a fonte, é enormemente singular, catalogándose como un dos máis interesantes do concello. Presenta plataforma cadrangular de dous chanzos. 

O pedestal é circular coma o pé dun muíño. O varal é circular, leñoso con nós semellante a unha árbore espida de casca. 

O capitel é cilíndrico, con astrágalo circular liso, ábaco de lado rectos e cabezas de anxos con ás. 

A cruz é circular e tamén leñosa con nós; ten remates florenzados. No anverso, Cristo amósase crucificado con tres cravos, inclina a cabeza cara á dereita, ao mesmo lado que mostra o pano de pureza e enriba da súa cabeza a cara do Pai. 

No reverso, a Virxe en actitude orante con mans e dedos entrelazados e uns anxos desde os paos da cruz coróana.

No lado sur da ábsida, adosuse un pórtico lateral para a celebración das misas o día da ROMARÍA, unha máis das que se celebraban na bisbarra, ata que no ano 1931 chega á parroquia cabanesa de Cesullas o párroco D.Saturnino Cuíñas Lois

Din os que o coñeceron que era un home de gran carácter, pero ademais do seu labor como sacerdote, a don Saturnino gustáballe a música. Non só lle gustaba, senón que tamén a practicaba: tocaba a gaita, a pandeireta, o bombo, o harmonio, a zanfona e mesmo compoñía versos. Suponse que ese afán festeiro, fixo que del saíra unha das festas máis populares de Bergantiños e da Costa da Morte, xunto coas da BARCA de MUXÍAOS MILAGRES DE CAIÓN e SANTO HADRIÁN DE MALPICA.

El dotouna dunhas particulares e únicas tradicións: O Berro Secoo Santo de Pólvora, e as tradicionais merendas. Todo isto unido a que se celebra nun fermoso enclave natural no que se atopa a singular capela, a milagreira fonte das verrugas e, como non, o santo San Fins do Castro que tantos devotos atrae, fixeron da festa unha das grandes de Galicia.

Cada un de agosto achéganse ó recinto milleiros de romeiros, beben auga da FONTE e lavan as verrugas antes da saída do sol, e sécanas cun pano que póñen a secar nos arredores, xa que a medida que o pano vai secando, tamén van secando as verrugas dos devotos.

Foto da páxina:https://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/fi-co-000020/festa-de-san-fins-do-castro?langId=es_ES&tp=97&ctre=261

Logo dos actos relixiosos e da procesión darredor do biduído, soa o Himno de San Fins do Castro, escrito por don Saturnino e música do director de banda Xosé María de Neaño, e que di así:

Foto da páxina: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/cabana-de-bergantinos/2018/08/02/san-fins-do-castro-dice-adios-vino/0003_201808C2C7991.htm

Meu Santo San Fins do Castro,

¿que lle dás aos teus romeiros?

Auga da túa fontiña,

sombra dos teus bidueiros. 

Meu santo San Fins do Castro,

ten as culleres na fonte

para beber os romeiros

que veñen verte de lonxe. 

Meu santo San Fins do Castro,

avogoso das verrugas;

lávanse na túa fonte

e quédanse sen ningunha. 

Romaría de San Fins,

dendes da Cruña a Fisterra,

pasando por Bergantiños

non hai romaxe coma ela.

 De seguido soa con forza o Berro Seco creado tamén por el, a partires das tradicións do folclore da zona que durante máis de 47 anos adicouse a recoller. Segundo el, era o berro que empregaban os canteiros para facer forza ó tempo cando precisaban erguer pedras. Os romeiros cóllense das mans e guiados polo cura, abáixanse e érguense tres veces emitindo un forte e seco berro. Un berro que emitido ó unísono fai retumbar o recinto e é sen dúbida o momento máis emotivo da romaría, xa que representa un símbolo de unión e forza do pobo. O Berro Seco, aturuxo universal, da título ao segundo disco do histórico grupo folk Milladoiro. Máis tarde, no ano 1999, editaron un disco adicado ó concello “No confín dos verdes castros”, inspirado no CASTRO DE BORNEIRO e no verso de Pondal.

Foto da páxina: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/2014/07/31/legado-sacerdote-saturnino-cuinas-sigue-vivo/0003_201407C31C10995.htm


A traca final pona o Santo de Pólvora, unha tradición aínda máis antiga que o berro, remontándose seguramente a finais do século XIX ou comezos do XX. A figura dun home e dunha muller vestidos co traxe tradicional galego e representando os oficios da zona (afiador, canteiro, ferreiro...) comeza a dar voltas. Cada vez vai máis rápido ata que acaba por estoupar e deixa ó descuberto o esqueleto duns personaxes que había un intre fixeran sorrir a todos os asistentes, xa que mentres o home traballaba a muller ía dándolle coa vasoira.

Foto da páxina: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/pontevedra/cerdedo-cotobade/2019/07/31/san-fins-do-castro-romeria-berro-propio/0003_201907C31C4991.htm

Foto da páxina: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/cabana-de-bergantinos/2018/08/02/san-fins-do-castro-dice-adios-vino/0003_201808C2C7991.htm

Toca a quenda agora de estirar os manteis sobre a herba, coma nas mesas armadas uns días antes, xa que chegou a hora das tradicionais merendas. Merendas que xunto cos gaiteiros esperarán a noite no fermoso biduído de San Fins.

Foto da páxina: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/cabana-de-bergantinos/2018/08/02/san-fins-do-castro-dice-adios-vino/0003_201808C2C7991.htm

Foto da páxina: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/cabana-de-bergantinos/2018/08/02/san-fins-do-castro-dice-adios-vino/0003_201808C2C7991.htm

Esta é a romaxe de San Fins: unha romaría que ten unhas raíces moi profundas e cravadas nos corazóns dos veciños de San Fins, de Cesullas, de Cabana de Bergantiños e doutros moitos lugares. A festa foi declarada de Interese Turístico no ano 2008.

Coordenadas: 43º 12' 20.9" N - 8º 55' 21.9" W

INFORMACIÓN RECOLLIDA NAS SEGUINTES LIGAZÓNS

http://www.concello-cabana.es/gl/san-fins-do-castro

http://www.concello-cabana.es/gl/capelas

https://galiciaencantada.com/lenda.asp?cat=14&id=1844

https://www.celtiberia.net/es/poblamientos/?id=310

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/2019/07/31/span-langglanimou-crear-festa-comunidadespan-gran-papel-inolvidable-cura-saturnino-cuinas/0003_201907C31C4995.htm

http://historiadegalicia.gal/2018/07/o-berro-seco-e-o-santo-da-polvora-as-duas-singulares-tradicions-da-romaria-de-san-fins/

http://www.concello-cabana.es/gl/santo-estevo-cesullas-2

VISITA OUTROS SORPRENDENTES LUGARES DO MUNICIPIO DE CABANA DE BERGANTIÑOS NESTA LIGAZÓN, CUN MAPA PARA CHEGAR A CADA UN DELES.

No hay comentarios:

Publicar un comentario