ERMIDA E MÁMOAS DA MOTA, ARZÚA


O Camiño de Santiago do Norte (Patrimonio da Humanidade), entra no termo municipal de Arzúa, procedente de Boimorto, polo Monte da Mota.


Na zona, hai unha importante concentración de mámoas aliñadas á dereita do camiño, trátase do conxunto denominado Grupo 1 da Mota, composto de tres mámoas.


Son abondosas as pegadas que os pobos prehistóricos deixaron neste concello. Sociedades de cazadores e recolectores que entre o 3.500 e o 1.500 a.C. desenvolvían a cultura megalítica.



Tiñan como elemento arquitectónico fundamental da súa civilización as mámoas ou medorras, monumentos funerarios que indican a existencia dunha organización e crenza relixiosa. Co paso dos anos, estas poboacións, probablemente transhumantes, comezaron a practicar unha rudimentaria agricultura e a facerse cada vez máis gregarios. En Arzúa hai catalogadas máis de trinta destas construcións.



Case xunto ás mámoas, ao lado esquerdo do camiño, atopase a ERMIDA DE SAN BARTOLOMÉ DA MOTA, rodeada dunha carballeira, á que fai referencia o peregrino francés de finais do século XVIII, Jean Pierre Racq na descrición da súa viaxe.


Esta ermida data do século XIX e foi erixida en honor aos apóstolos Bartolomé, Mateo e Simón. Presenta un pórtico cuberto, no lado esquerdo, apoiado sobre columnas de cachotaría. Ao final deste, atópanse as dependencias para recoller as ofrendas dos devotos (que habitualmente é gando). No seu interior pódese observar un fermoso retablo barroco, con elementos rococós, que foi restaurado no 1994. A ermida nace pola devoción dos peregrinos, que pasaban aquí a súa última noite, antes de chegar a Compostela. As festas son o 24 de agosto, o 21 de setembro e o 28 de outubro, dedicados a San Bartolomé, San Mateo e San Simón respectivamente. 
No medio da carballeira levántase un sinxelo CRUCEIRO sen imáxes.


 Hai moitas TRADICIÓNS relacionadas coa Ermida da Mota. O santo de maior devoción é San Bartolomé, o protector das colleitas e do gando. A xente collía terra, «area do santo», do contorno da capela, para levala ás fincas, ou daban voltas ao santuario co gando, buscando a súa protección. Moitas das veces, os devotos deixaban ovellas, ou outros animais como ofrenda. Tamén hai a tradición de «Poñer o santo», que consiste en pasar unha imaxe pequena do santo por encima da cabeza e dos ombreiros; ou a de «Cortar o lobiño», para curar o bocio, que trata de que o fiel enfermo pase por debaixo do coitelo que ten o santo, dicindo:»Que che dea a sanidá e che quite a enfermedá pola virtú do santiño, amen». Esta frase repítese cando se «poñen o santo».


 Contan as LENDAS que a ampla e frondosa carballeira da Mota xurdiu grazas á veciñanza. Así dice, que cando un pai non quería que o seu fillo fóra ao servizo militar, plantaba un carballo; se este prendía, significaba que non tería que ir. É por iso que pouco a pouco a carballeira foi crecendo ata converterse no amplo bosque que se poden encontrar hoxe actualmente os visitantes.


Setecentos cincuenta metros mais adiante desta, atopase a zona de mámoas que compoñen os denominados Grupo 2, á dereita do camiño, e Grupo 3 da Mota, á esquerda.

INFORMACIÓN RECOLLIDA DAS SEGUINTES LIGAZÓNS






VISITA OUTROS SORPRENDENTES LUGARES DO MUNICIPIO DE ARZÚA NESTA LIGAZÓN, CUN MAPA PARA CHEGAR A CADA UN DELES.


No hay comentarios:

Publicar un comentario