MUIÑO E TORRE DE RIAZÓN, LUGO

Este fermoso muíño de propiedade privada, pranta rectangular e xenerosas dimensións, traballaba cas augas do Rego de Puza nunha paraxe, que lle confire aínda máis beleza da que por el mesmo manifesta.





O muíño é unha das mostras de arquitectura popular que máis abonda na paisaxe galega. Forma parte do conxunto de construccións dedicado á fabricación dun elemento básico da alimentación: o pan. Deste xeito, o muíño posúe un evidente valor no plano económico pero ademais, xoga un importante papel nas relacións sociais da Galicia rural.





Hoxe desgraciadamente, a modernidade fixo que se deixase de moer nestes elementos etnográficos, cuxas pedras, poderíannos contar centos ou miles de historias dos pobos e das súas xentes. O muíño converteuse nun centro privilexiado para as relacións sociais do pobo, e foi unha inesgotable fonte de inspiración para cantigas, ditos e contos. As xentes ían ó muíño co froito da súa colleita e, mentres moían dedicábanse á conversa e á troula, o que se coñece co nome de MUIÑADAS. Xeralmente celebrábanse pola noite e a elas acudía sobre todo a mocidade. As muiñadas, como as fiadas, os velorios, as pitanzas e as confrarías estiveron sempre profundamente arraigadas na cultura popular galega pero mal vistas polo clero que as consideraba causa de desordes morais e pecado, chegando a calificalas de xuntanzas infernais. Por tal idea impuxeron medidas represivas e castigos contra delas, sen embargo, non conseguiron que se deixasen de celebrar.



A intensa actividade arredor do muíño, quedou así reflectida en moitas das manifestacións da nosa cultura.


O que rico quer ser, catro cousas ha de ter: cabras, ovellas, abellas e muíño onde moer.



Teño muíño e moe fariña,/ teño forno e coce pan,/ teño unha muller bonita,/ xa estou feito un capitán.



Qué cousa cousiña será, que da voltas encima do río e sen se mollar? Resposta: O rodicio do muíño.




Preto do muíño, e tamén perto da anterga ruta que da CIDADE DE LUGO, por Santiago de Saamasas e Santiago de Meilán, dirixíase po-la terra da Camoiras cara o MOSTEIRO DE SOBRADO, e despóis a SANTIAGO DE COMPOSTELA, atopamos os restos dunha torre medieval de finais do século XVII, hoxe en día reducidos a unhas paredes nas que ollamos os vellos parladoiros que outrora foron lecer de señores. O seu estado ruinoso non impide que a Xunta de Galicia a teña incluída como BIC no catálogo.
É a TORRE DE OMBREIRO o RIAZÓN, rectangular (10,6x7,9 m) de sillares de granito cunha moldura na cornixa. Tiña 3 plantas e acceso por arco de medio punto na máis baixa. Figura en documentos de 1721 como outorgada como foro a D, Estéban da Riva. En 1818 concedeuse o Marquesado de San Martín de Ombreiro, título concedido por Fernando VII a D. José María de Prado e Neira, Rexedor Perpetuo de Lugo.


Todavía conservase do conxunto, e xunto a esta, a capela de San Roque.
O ESCUDO da torre, atópase na actualidade dentro da colección de heráldica do MUSEO PROVINCIAL DE LUGO

Descrición: Cuartelado en Cruz, 1.ºe 4."en campo dourado, tres troitas galladas da súa cor, entre troita e troita cadansúa faixa de azur, (fusión das armas dos Gayoso cos Parga); 2.º e 3." un piñeiro acompañado dun castelo que é a fusión dos Prado cos Arias de Sirga! (Sival de Prado). Así temos ista representación na TORRE DE FRIOL

Coordenadas: 43º 02' 42.0" N - 7º 38' 24.9" W

INFORMACIÓN RECOLLIDA DAS SEGUINTES LIGAZÓNS

http://museodopobo.gal/web/uploads/file/edac-muinhos.pdf








VISITA OUTROS SORPRENDENTE S LUGARES DO MUNICIPIO DE LUGO NESTA LIGAZÓN, CUN MAPA PARA CHEGAR A CADA UN DELES.

No hay comentarios:

Publicar un comentario