RUTA DO RÍO ACEITEIRO, SAN SADURNIÑO

 

O inicio do roteiro sitúase a uns 750 metros da CAPELA DE BELÉN, seguindo a DP-7603, estrada que vai dirección a Valdoviño, nun tramo curvo que quedou fóra do trazado actual da estrada e xunto unha pequena ponte.

A partir de aquí iníciase este nostálxico roteiro de grande valor paisaxístico e patrimonial, que transcorre xunto a beira dereita do río Aceiteiro, afluente do Xuvia, o cal está incorporado á Rede Natura 2000 desde o ano 2001 e xunto co río Castro configuran o Lugar de Interese Comunitario (LIC) Xubia-Castro.


No primeiro tramo, a pista de terra ancha pasa por riba do primeiro dos muíños que atoparemos, até chegarmos a un carreiro que se desvía á esquerda, cara a unha pontella de pedra no cano do muíño.








Remontando o río atoparemos outros muíños que tinguen a ribeira, xa que o río Aceiteiro conta con vinte muíños, algúns deles en funcionamento dende o século XVII ata a década de 1970. No catastro de Ensenada de 1752 acredítase o funcionamento de 16 muiños na parroquia de San Sadurniño e outros na parroquia de Lamas.

Fumos Rosiña e mais eu ao muiño
pra que a fariña non foran roubare…
E a medianoite, por un buratiño
o noso trasno nos veu a tentare….
Rosiña asustada colleuseme a min
e eu a Rosiña tamén me colline…
Despois non me acordo, despois xa non sei,
o susto do corpo por fin llo quitei…
E chora a mociña cando me ve,
de min se arreda e non sei por qué…
E mentres o trasno ri canto quer
o que o muiño nos foi a facer…
A xente murmura, bon creto lle dou
e todos pretenden saber que pasou
E mentres o trasno ri canto quer
o que o muiño nos foi a facer…
Letra de “Rosiña e o Trasno” / “Muiñeiras do Agra”

Neste audio, Inés Rojo e Otilia Couce evocan aqueles tempos encantados de muíños e fariña, mais tamén de vida, risas e sociabilidade.

Penetramos na escura espesura do bosque de ribeira, a parte sen dúbida máis atractiva do percorrido, que reflicte a beleza salvaxe desta ruta de natureza.






Aquí pequenas pasarelas de madeira permítennos salvar os regatos que desembocan no río e este tamén debuxa un fermoso meandro.




A dificultade do percorrido e baixa, aínda que con toda posibilidade atoparémonos, en épocas chuviosas, o camino moi enchoupado, o que imposibilite o noso avance se non leva calzado axeitado para zonas húmidas, que foi o que ocorreu no meu caso.





Continuaríase até chegar a unha ponte de pedra. Crúzase a ponte por riba da vía do tren, e continúase até chegar a un conxunto formado por catro muíños, dispostos un despois do outro. Aquí remata a ruta e a saída pode facerse cara a riba, a un grupo de casas chamado Fontenla, ou ben retornar facendo o mesmo percorrido.

Coordenadas: 43°32'32.5"N 8°04'15.5"W 43.542352, -8.070973

Muñeira do agra

            INFORMACIÓN RECOLLIDA DAS SEGUINTES LIGAZÓNS

http://sansadurnino.gal/wp-content/uploads/2016/05/1281009268556.pdf

https://clubmontanaferrol.gal/actividades/rutas/senderismo/rio-aceiteiro/

http://centros.edu.xunta.es/cpidesansadurnino/web/spip.php?article61

http://www.falamedesansadurnino.org/imaxe/os-muinos-do-rio-aceiteiro/

http://www.falamedesansadurnino.org/imaxe/a-beira-do-aceiteiro

VISITA OUTROS SORPRENDENTES LUGARES DO CONCELLO NESTA LIGAZÓN, CUN MAPA PARA CHEGAR A CADA UN DELES.

No hay comentarios:

Publicar un comentario