SAN VICENZO DOS VILARES, GUITIRIZ

O topónimo Vilares procede do latín villa, villaris, referido a unha casa de campo, granxa ou poboación. A advocación da parroquia é na honra de San Vicenzo e xa tiña curato no século X. A sua Igrexa Parroquial, situada na praza do Campo da Festa nas Reixas, dependente primeiro de Monfero e máis tarde de Mondoñedo, orixinouse como unha pequena capela no século XII, pero despois de sucesivas transformacións ao longo do tempo, converteuse na igrexa que é hoxe, un templo de planta de cruz latina e nave rectangular, construída en cadeirado de granito con cuberta de lousa, que presenta un pórtico pequeno pegado ao lateral dereito da nave.


A fachada principal do século XVIII, mostra unha fornela con imaxe. 





Está coroada por unha espadana dun só corpo e de dous vans, con escaleira exterior de acceso pegada ao muro esquerdo da nave.



As PINTURAS MURÁIS que atopanse no interior do templo (onde tamén sobresaen catro retábulos neoclásicos e un barroco con tallas dos séculos XVII e XVIII), foron descubertas no ano 1991, cando levaron a cabo obras no interior. Desde entón, a humidade e o paso do tempo degradaron estos importantes frescos situados en dúas das paredes máis antigas do templo, ata o punto, de chegar a temer pola súa desaparición definitiva, feito que provocou a súa inclusión pola súa importancia e pésima conservación, nas listas vermellas do patrimonio na Galiza e no Estado. Os elementos pictóricos que recolle no seu interior, foron conservados polo costume profiláctica desde o século XVI, utilizada para quentar as paredes buscando evitar a proliferación de pragas e enfermidades.


Fotografía tomada desta páxina: https://listarojapatrimonio.org/ficha/frescos-la-iglesia-os-vilares/
Trátase dunhas pinturas de estilo gótico hispano flamenco datadas a mediados do século XVI. Fronte á parede da entrada, represéntanse tres escenas: “A lamentación do Cristo Morto”, “Santiago Matamoros” e “A imposición de Casulla a San Ildefonso”, unha peza única en Galicia. Doutra banda, no muro á dereita da entrada, podemos contemplar pinturas con elementos xeométricos e paisaxes, comúns en todas as pinturas ao fresco en Galicia. 


Fotografía tomada desta páxina: https://listarojapatrimonio.org/ficha/frescos-la-iglesia-os-vilares/

Segundo o restaurador Uxía Aguiar, estes frescos poden ser obra de dous autores, o Mestre de Parga eo mestre autor da chamada Capela Sixtina galega de SANTA MARÍA DE NOGUEIRA DE MIÑO.

SANTA MARÍA DE NOGUEIRA DE MIÑO

O Adro cercado con baixo muro de pedra granítica, tamén acolle importante valor patrimonial.



Como un CRUCEIRO con plataforma dun chanzo, de forma cuadrangular e basa cúbica na que apoia ofuste de sección cadrada coas arestas rebaixadas. O capitel cuadrangular con molduras, soporta unha cruz latina de sección cuadrangular, coas arestas rebaixadas. 


No anverso atópase a figura de Cristo crucificado con tres cravos, coroa de espiñas, mans abertas, cabeza inclinada cara a dereita, o pé dereito monta sobre o esquerdo, e cartel de INRI.



Foi construído polo canteiro de Transparga D. Xosé González Losada, máis coñecido por Pasarín, no ano 1993. Diante vemos un pequeno altar.


 Dúas fermosas PÍAS BAUTISMAIS.



 E por último, un SARTEGO ANTROPOMORFO feito en granito do país. É de época medieval e polas súas características pode corresponder á necrópole medieval da citada igrexa, cando esta pertencía ao dominio do MOSTEIRO DE MONFERO




É un bo exemplar dos enterramentos do momento.


 Nas inmediacións do templo atópase o coñecido como “CALVARIO DOS VILARES” de finais do século XVIII e autoría de Felipe de Sá, canteiro da veciña parroquia de San Salvador de Parga. No conxunto de tres cruceiros de granito, representanse a Pasion e morte de Xesús. "Antano houbo 14 cruces pequenas, que formaban un viacrucis...".


O cruceiro central álzase sobre plataforma de catro chanzos, na que asentase a basa de forma paralepípeda con moldura superior, que suxeita o fuste prismático de sección cuadrangular no seu extremo inferior e octogonal no resto. Un artístico capitel decorado con querubíns nos lados e volutas nas esquinas, soporta a cruz florenzada de sección cuadrangular e arestas rebaixadas. 



No seu anverso, baixo cartela, efixie de Cristo crucificado con coroa de espiñas na cabeza, que inclina ó lado dereito. As mans aparecen abertas e amosa o pé dereito sobre o pé esquerdo. 



E no seu reverso, a Virxe co neno sobre media lúa.


Os cruceiros laterais son máis simples, con cruz florenzada, de sección cuadrangular e arestas rebaixadas, con medallón circular co rostro de Cristo en relevo no anverso e medallón coa Dolorosa no reverso (con diferenzas en ambos os cruceiros), capitel moldurado, fuste octogonal, base cúbica cunha roseta grande e sobre plataforma dun piso de granito no cruceiro da dereita e sen plataforma no da esquerda. 





En marzo de 2018, aínda non estaba restaurado o cruceiro lateral que foi derrubado por un coche en xaneiro dese mesmo ano, pero segundo parece, xa o está.


 Segundo testemuñas de D. Segundo L. Pérez López, antigo párroco dos Vilares, hai outros cruceiros na zona, que foron feitos polo mesmo canteiro, debido a que teñen algúns trazos moi similares.

O sábado e o domingo máis próximos ao 22 de xaneiro celébrase a festa do seu patrón, “San Vicenzo”; e o domingo e o luns de Pascua celébrase unha festa en honor á “Virxe dos Desamparados”. Despois da misa sae a procesión polo adro e dá a volta ó redor do seu calvario. O segundo domingo de agosto celébrase na carballeira do Cancelo a “Romaría Labrega da Chaira”, onde se fai unha exhaltación e recuperación da tradición popular galega, así podemos ver demostracións de como se mallaba a principios de século, ou  concursos de animais como por exemplo, concurso de cans ou de vacas, e tampouco debemos esquecernos dos xogos populares que se fan neste día.




 Outro CRUCEIRO próximo á igrexa, é este situado enriba do muro que pecha unha propiedade particular e construído nos anos trinta do século pasado por un canteiro de BURIZ chamado Andrés.


No lugar do Pazo, preto da igrexa e ó lado doutro CRUCEIRO, ten un busto en granito feito por Raúl Río Díaz o poeta Xosé María Díaz Castro, autor de Nimbos e nado en 1914 na aldea do Vilariño. En 2016 levouse a cabo o proxecto Os Vilares, lareira de soños, coa publicación dun libro e un documental.




O cruceiro (segundo indícase na ponencia "Relación entre os cruceiros e cruces da Terra Chá e os seus santuarios. Concello de Guitiriz (III)" presentada por José Manuel Blanco Prado y publicada no libro "Actas do V Congreso Galego de Cruceiros"), foi reconstruído polo canteiro de Transparga D. Xosé González Losada, máis coñecido por Pasarín, no ano 1992. Amosa plataforma dun chanzo, de forma cuadrangular e base cuadrangular con arestas superiores rebaixadas. O Fuste é de sección cadrada na parte inferior e superior, e octogonal na parte central. Apoia nel un capitel con forma troncopiramidal investida con molduras, do que arrinca a cruz sen imaxes, de sección cuadrangular coas arestas rebaixadas e  remates florenzados.


 Conta a LENDA, que en San Vicenzo dos Vilares vivía unha muller máis ruín cá fame, máis mala cá peste. Dise que tiña barba coma os homes e que ameigaba xente e gando ata matalos. Cando morreu nin un só dos seus veciños chorou por ela, nin ao enterro lle foron, nin unha misa lle deron. Morta e ben morta debera levar xa moito tempo aquela malvada. O peor é que a vella non morreu, ou polo menos non o fixo de todo. Desde aquela a súa ánima anda en coiros por entre as casas da parroquia e á media noite ponse a ladrar tal que unha cadela adoecida. Hai quen asegura que ese é o castigo que lle corresponde polos pecados cometidos pero tamén hai quen pensa, se cadra con máis tino, que a vella segue facendo das súas e que os realmente castigados son os seus veciños que teñen que aturar ver o seu espectro espido e peludo mentres ladra quen sabe que fatídicas maldicións.


Para finalizar, sinalar que outro dos tesouros de esta parroquia é a PENA ROLDÁN ea súa LENDA, da que xa vos falamos noutra entrada.


Coordenadas: 43º 14' 24.9" N - 7º 51' 29.0" W
Teléfono 982 370 080




INFORMACIÓN RECOLLIDA NAS SEGUINTES LIGAZÓNS













VISITA OUTROS SORPRENDENTES LUGARES DO CONCELLO DE GUITIRIZ NESTA LIGAZÓN, CUN MAPA PARA CHEGAR A CADA UN DELES.

No hay comentarios:

Publicar un comentario