RÚAS DO CONXUNTO HISTÓRICO-ARTÍSTICO DE BETANZOS

O traslado da poboación de Betanzos o Vello (na parroquia de Tiobre) ata a vila de Untia (esta á súa vez asentárase sobre o Castro do mesmo nome) tivo lugar a principios do s.XIII. Inmediatamente se trazaron as novas rúas e se marcaron e distribuiron as “plaças” ou solares que debían ocupar os edificios nun primeiro recinto amurallado, aproveitando as defensas do castro (a croa e o primeiro antecastro), pronto desbordado pola Rúa Travesa e pola Rúa Nova (esta sobre o vello camiño que ía ó “Orreum”, citado no 1219). Así pois, había que facer outra cerca máis grande e a súa construcción data, moi probablemente, do s.XIV (tamén aproveitando parte das estructuras castrexas), de tal maneira que cando rematou a Idade Media a cidade estaba plenamente configurada e aínda hoxe é unha das mellor conservadas de Galicia.



A necesidade de dar nome ás rúas, prazas, venelas, etc. foi respostada de diversas maneiras. Ás veces recollendo e perpetuando topónimos antigos, desde o nome do Castro que aínda hoxe queda na fonte que está ó pé del (a Fonte d’Unta), ata a PLAÇA DO CASTRO na croa,...



... a RÚA DO CASTRO que sube á cima,...






... ou a RÚA TRAVESA que segue un vello camiño castrexo enriba do segundo antecastro oriental.

Rúa Travesa (s.XII, 1467, Ruatraviesa no 1751). Este nome, máis antigo probablemente que a propia cidade, recuperouse nos nosos días.

RÚA DA FONTE DE UNTA, chamada no 1219 vallem antiquam. Pode traducirse como camiño fondo e vello e é a rúa que sube desde a Ponte Vella (no 1219, Pontem de Unctia) ata o Campo. Tamén se chamou xa no s.XIII Rúa de Francia e despois (e hoxe) Calle (ou Rúa) da Fonte de Unta, con épocas en que foi Calle de las Monjas, toda ou só a parte de abaixo, a que pasa por diante do CONVENTO DE AGUSTINAS RECOLETAS.





O Convento das Agustinas recoletas foi construído nos S.XVII-XVIII. Neste lugar situábase o hospital de La Anunciata (s.XVI) do que se aprecian os escudos da fachada; un, de Carlos V, e outro, de Betanzos. 


-


Todo o conxunto atópase realizado en pedra, destacando o claustro que é obra do S. XVI. Garda no seu interior dous retablos da Escola Compostelana.



E cando a nova vila crea realidades urbanísticas tamén novas, os betanceiros da época non se complican o máis mínimo e chaman ás cousas polo seu nome: Porta da Vila, Rúa Nova.


Hai que ter tamén en conta que a articulación urbanística da cidade realízase mediante sete barrios, dous deles intramuros case por completo (o BARRIO DA RÚA NOVA e o BARRIO DE SAN FRANCISCO).
Outros dous ó pé das murallas rematadas no s.XV (o BARRIO DO CAMPO DA FEIRA, polo sul, e o BARRIO DA RIBEIRA, polo norte).
Un exterior próximo máis aló do río Mandeo (o BARRIO DA PONTE VELLA), ligado ós camiños de acceso nororientais. PONTE VELLA, chamada así en contraposición é máis recente Ponte Nova, perde as súas antiquísimas orixes nunha estrutura da época romana. A actual, reformada no ano 1890, toma como base un elemento de composición medieval. Sobre esta, ó seu inicio, estaba situada a Alcabala, (a popularmente chamada Torre de Caramona, destruída no ano 1823) onde se cobraba o portádego ós viaxeiros e mercadores.




Salva o rio Mandeo mediante catro arcos de medio punto de distintas dimensións, presentando tallamares de sección triangular en ámbolos lados da ponte. 



A ponte vella, coa súa inseparábel torre, forma parte do escudo oficial da cidade.


E dous exteriores máis lonxanos: o BARRIO DA MAGDALENA, cun Hospital de Lazarados desde polo menos o s.XIV,...



 e o BARRIO DAS CASCAS, nos dominios do mosteiro do mesmo nome, que data do s.XII.


Catro portas e un postigo (que estaba no lugar chamado do Hórreo), todas elas do século XV, daban acceso á cidade:

PORTA DA PONTE VELLA. Comunica a rúa de A Cerca e a rúa de O Alfoli. 



Conserva aínda no seu arco oxival as guías do anciño, que posteriormente foron substituídas por estacadas e trancas. Diante desta porta efectuábase "o control de pesos" das mercadorías que se traían para vender no mercado da vila. Era unha das cinco portas da cidade e estaba ligada directamente ó CAMIÑO INGLÉS DE SANTIAGO e á vella ruta que, saíndo de Oviedo (Asturias), pasaba polas vilas de Ribadeo, Mondoñedo e Vilalba. Con todo, a relación máis directa da ponte atopábase na súa conexión co barrio da Ponte Vella, á outra marxe do Mandeo.





Puerta de la Villa (1575). Puerta Real (1688). Puerta de la ciudad (2ª metade do s.XVII). Puerta principal (1736). É a PORTA DA VILA, expresión esta máis popular e previsiblemente a máis antiga, posto que Betanzos ten o título de cidade desde 1465 e desde 1219 ata esa data sería unha vila a tódolos efectos, como tamén era vila a de Untia que a precedeu no actual asentamento. Calle de la Puerta de la Ciudad no 1866. Con ela tamén desapareceron as almeas e son trasladados os ESCUDOS que a coroaban, que plasman a concesión do título de cidade a Betanzos en 1465 por Enrique IV. 


-
De arriba abaixo, o escudo das armas reais, o da cidade e o de Galicia con cinco copones.
Outros nomes aluden a lugares públicos nos que se realizan actividades específicas: Campo da Feira, AZOUGUE, Aira Vella...


Tamén hai alusións a edificios singulares, xa fosen públicos ou privados: RÚA DA PESCADERÍA,...



...RÚA DA CORTADURÍA,...



... RÚA DA PASTELERÍA, Rúa do Alfolí...




Logo están os nomes que se refiren a grupos gremiais que se singularizan polas súas actividades económicas e sociais (cofradías relixiosas...): RÚA DOS FERREIROS,...



... onde ao fondo da rúa empinada, abrese a PORTA NOVA cun arco apuntado de estilo gótico (século  XV), fronte ao Puente Novo. Unha inscrición nun lateral da porta que a data di: “ESTA OBRA LA IÇO SILBESTRE COMCHEIRO A 1500”.



  RÚA DOS SOMBREIREIROS, Rúa dos Cregos,...


...RÚA DOS PRATEIROS, Rúa dos Ferradores, Rúa dos Armeiros, Rúa dos Cerraxeiros...



En definitiva, e coa excepción de Plaza Real que xa vemos no s.XVII, son todos nomes da vida e do traballo, que nacen da propia xente e das súas actividades, nomes que, ó tempo que singularizan un lugar, engaden unha información suplementaria do que alí se pode atopar. Non esquenzamos que Betanzos vive volcada nas súas feiras e mercados desde a súa orixe. Toda a cidade semella ser un gran recinto feiral con centros múltiples: o Campo, o Azougue, a Rúa e Praza do Castro...

O gran cambio na maneira de nomear os espacios públicos aparece coa Constitución de 1812. Chega con ela o réxime liberal a España e conseguintemente as eleccións e os partidos políticos. Neste contexto, as rúas e prazas máis emblemáticas recibirán novos nomes dos símbolos, herois, mártires ou ideais do partido dominante en cada etapa histórica. Nomes, en definitiva, que son utilizados como unha arma máis na loita política e que, correntemente (sobre todo nas primeiras décadas), se fixan ou se borran no medio de exaltadas manifestacións populares.

O 16 de xullo de 1812 publicouse en Betanzos a “Constitución Política de la Monarquía Española” e o domingo 19 xurouse. Debeu ser case inmediatamente cando se puxo o nome de PLAZA DE LA CONSTITUCIÓN á antiga Plaça del Castro, por ese tempo la Plaza, a máis alta da cidade.


Na praza está o CONCELLO, do século  XVIII, obra de Ventura Rodríguez,...



 e o PAZO DE BENDAÑA, do século XV e reedificado no  XVII.


-

 Ao seu lado álzase o CENTRO INTERNACIONAL DE ESTAMPA CONTEMPORÁNEA( CIEC), na antiga Casa Núñez.


Domina a praza a TORRE DO RELOXO do século  XVI,...



... que está encostada á IGREXA DE SANTIAGO.



Calle del Carral (1740, 1835). «Calle del Carral o 3ª de Clérigos» (1836). Actual RÚA DO CRISTO



A o fondo vemos a PORTA DO CRISTO, tamén chamada da Ribeira ou "Porta de Paio Fermoso". Recibe o nome dunha vella talla de madeira que representaba a Cristo Crucificado e unha pintura cunha cidade, un sol e unha lúa. Nas súas proximidades había unha serie de torreóns ameados, un deles aínda existente como soporte dunha vivenda particular.


Calle Clérigos 1ª, 2ª e 3ª de (1824). Por esta orde, hoxe: VENELA DOS CLÉRIGOS, 2ª VENELA DOS CLÉRIGOS, e Rúa do Cristo antes mencionada.




Calle do Houro. Documéntase no 1612: “... en la calle que dize do houro de esta çiudad que ba para la puente viexa della”. Segue ata 1888 como Calle del Oro. É a posterior 4ª travesía de la Rúa Traviesa. Hoxe recuperou o nome de RÚA DO OURO.




Calle das Moas (1596, 1601 e 1602). Como CALLE DAS NOAS vémola no 1633, 1668, 1680, 1751... É a que se coñece desde 1888 como C. de Cervantes e hoxe volve ser Noas. Na segunda metade do s.XVIII ou primeiros anos do XIX, a de Noas pasou a ser C. 1ª de Noas e a paralela polo Norte C. 2ª de Noas (a actual de Quiroga desde 1888).


RÚA DA CERCA (2ª metade do s.XVII), onde se atopan as casas máis antigas de Betanzos.



CALLE DEL PASTEL (1824). Segue ata 1888 e pérdese logo, para recuperarse hoxe...




CALLE DEL PINCHE (1824, 1865). Hoxe recuperouse...



No 1888, sendo Alcalde Don César Sánchez San Martín, realizaría na práctica a reforma do “nomenclátor” máis revolucionaria da historia da cidade. Poucos foron os nomes tradicionais que se salvaron. En liña cos “ensanches” imperantes (destrucción da PORTA DA VILA no 1872, dos Soportais da Rúa do Castro nos anos 1870-80, etc.), tratábase de borrar os elementos que facían de Betanzos unha cidade antiga, para convertila en “moderna”, na vía do “progreso”. Puxéronse moitos nomes de persoas, xa fosen benefactores antigos, símbolos do progreso doutros tempos (Díaz de Lemos, Sánchez de Taibo...), políticos da época (Saavedra Meneses, ligado ó ferrocarril), militares antigos e modernos de aire romántico (LANZÓS,...

Calle del Atrio (1824). Calle del Atrio de Santiago (1865). No 1803 documéntase a Calle 1ª del Atrio e tamén no 1836, xunto á Calle 2ª del Atrio, no barrio da Rúa Nova. Están perto do vello adro (cemiterio) da IGREXA DE SANTIAGODeben ser a actual RÚA DE LANZÓS e a súa pequena travesía, onde se levanta a igrexa e o PAZO DE LANZÓS.






-

... Quiroga, Sánchez Bregua, Méndez Núñez, Pardiñas, ROLDÁN,...




Don Manuel Roldán y Gil fora Conde de Taboada (25-XII-1763 // 24-XI -1832), coronel de milicias provinciais, etc. A pesar de ser noble, é claro que estamos diante dun home de talante liberal, posto que foi «Alcalde 1º Presidente» da cidade no 1814 (do 14 de febreiro ó 12 de xullo) e no 1823 (só uns días de principios de xaneiro). Por outra banda, hai que suliñar que unha das súas fillas, Dona Francisca, casara nada menos que con Don Pedro de Agar y Bustillo, Presidente da «Junta Suprema de Galicia» no Trienio Constitucional.

-

... Cassola) ou literatos consagrados (Cervantes). E, naturalmente, non podían faltar as travesías do Progreso, idea esta que sintetiza o espírito desta reforma...

PRAZA DE FERNÁN PÉREZ DE ANDRADE “O  BOO”, cabaleiro cuxa figura é fundamental no impulso da cidade de Betanzos do século XIV. 



Aquí sitúanse dous monumentos nacionais moi significativos fundados por este personaxe, como son as igrexas góticas de SANTA MARÍA DO AZOUGUE ...



...e SAN FRANCISCO.  


RÚA DOS IRMANDIÑOSEstes eran os membros das Irmandades constituídas para a defensa dos seus intereses fronte aos abusos dos señores. Formaronse no ano 1431 nas terras do señor de Andrade, pola extrema dureza coa que NUNO FREIRE DE ANDRADE ”O MAO”, trataba aos seus vasalos, empeorada con motivo da visita do infante Henrique de Aragón a Galicia para o que botou man dun tributo especial. 



A revolta iniciouse nas comarcas de Pontedeume e Betanzos e chegou a espallarse por Lugo e Mondoñedo e a derrubar algunha fortaleza nobiliar, como o CASTELO DOS ANDRADE na VILA de PONTEDEUME.



Un pouco antes documéntase (Actas Capitulares do 19-VIII-1873) o nome de sabor romántico, CALLE DEL DESENGAÑO, na travesía da Rúa Travesa que baixa pegada ó cemiterio de Santa María (o «desengaño» é unha alusión á brevedade da vida, representada por ese cemiterio).


Puentenuebo de abajo // Plazuela del Puentenuebo (de las Galeras). “Galeras” ou GALERA afianzarase ata hoxe posteriormente a 1888. O máis probable é que sexa outra referencia ó drama e á historia romántica en relación co suposto tributo das cen doncelas: “pues allí se supone venían las naves ó galeras del tiempo de Mauregato y sucesores a buscar las doncellas que al Califa de Córdoba entregaban”. LENDA da que falamos na entrada da TORRE DE PEITO BORDEL (Abegondo).


Hórreos na Galera


O 11 de xuño de 1912, sendo Alcalde Don César Sánchez Díaz, acordouse no Concello “que a una de las calles de esta Ciudad se le dé el nombre de Jesús García Naveira y, para evitar los inconvenientes que trae consigo el andar cambiando los nombres a las calles que ya proceden de antiguo, la más adecuada para tal objeto es la que partiendo de la plaza de Arines va a las Cascas, que se denominará Avenida de Jesús García Naveira...” Este nome púxose despois do impacto que supuxo na cidade a morte por accidente en Buenos Aires de Don Jesús García Naveira o 24 de marzo dese ano de 1912. El era, xunto a seu irmán Don Juan, un dos indianos que máis fixeran polas clases humildes de Betanzos: LAVADOIRO PÚBLICO GRATUITO DAS CASCAS (1902);...



... o Patronato Benéfico-Docente “García Hermanos” (1908, escolas e asilo)... Pero é que ademais, Don Jesús, no seu testamento de 1911, deixou 11 legados a Betanzos por valor de 1.224.000 pts., entre eles un para fundar as ESCOLAS MUNICIPAIS “JESÚS GARCÍA NAVEIRA” e outro para a construcción da “Casa del Pueblo”.


Pero o nome desa rúa deixaba pendente un agradecemento similar para o outro irmán, Don Juan, home que viviría en Betanzos na súa casa dos SOPORTAIS DO CAMPO (construida nos últimos anos do s.XIX en estilo segundo imperio francés) ata a súa morte no 1933.



Esa debe ser a razón pola que arredor de 1920 se sustituira o nome de Plaza de Arines (Campo da Feira (s.XIII). Campo de San Roque (1736). Plaza mayor del Campo de la Feria (1845)), por PRAZA IRMÁNS GARCÍA NAVEIRA. Non hai que esquencer que a Don Juan se deben, ademais das fundacións comúns con seu irmán, outras como: “EL PASATIEMPO” (1893...); un segundo lavadeiro público (1912) nas Cascas; o “Refugio para niñas anormales físicas” (1923); o Sanatorio San Miguel (1930)...


No centro da praza, unha estatua lembra os dous benfeitores. Orixinalmente estaba situada nos xardíns do Parque do Pasatempo, e un dos irmáns estaba sinalando o asilo de anciáns, preto de alí.



Esta praza principal de Betazos está rodeada de magníficos edificios e outras obras interesantes, como poden ser: a IGREXA E CONVENTO DE STO. DOMINGO, cuxas antigas dependencias monacais, albergan hoxe o estupendo MUSEO DAS MARIÑAS.




O EDIFICIO LICEO, Antigo Arquivo do Reino de Galicia que nunca chegou a utilizarse co fin que se proxectou.


Observamos, imitando á chamada “Diana de Versalles” do Lovre, a FONTE DE DIANA. Foi inaugurada con solemnidade o martes 19 de novembro de 1867. O día da inauguración tiña que ser o domingo 17, nun acto no que se tomaron, segundo os informantes, as primeiras fotografías dun acontecemento público en Betanzos.


E tamén o PALCO DA MÚSICA.


O que quiso poñer de manifesto ALFREDO EIRAS MARTÍNEZ neste traballo é o feito de que a análise dos nomes das rúas e prazas nunha cidade antiga, proporciónanos unha preciosa información da evolución social, económica e política. Betanzos, neste senso, non é máis que un exemplo prototípico.

Agora, non só os estudiosos, senon tamén unha gran parte do pobo ve natural que as rúas teñan os nomes de toda a vida e, basicamente, así se levou a cabo no 1995. Somente hai que facer unha consideración: eses nomes xa non responden completamente ó espírito que os fixo nacer. A súa importancia engadida hoxe está no feito de conter unha información histórica, algo que ten valor no tempo do turismo cultural e do retorno ás raíces, por contraposición ós vertixinosos avances da técnica. Pero, por suposto, a Rúa dos Ferreiros xa non ten ferreiros, nin a dos Sombreireiros ou a dos Ferradores estes oficios. Tampouco a da Pastelería ten este establecemento, etc.

INFORMACIÓN RECOLLIDA DAS SEGUINTES LIGAZÓNS











VISITA OUTROS SORPRENDENTES LUGARES DO MUNICIPIO DE BETANZOS NESTA LIGAZÓN, CUN MAPA PARA CHEGAR A CADA UN DELES.

https://galiciapuebloapueblo.blogspot.com/2019/08/ponte-e-lavadoiro-das-cascas-betanzos.html

No hay comentarios:

Publicar un comentario